A Fiscalía pide unha vista para pedir prisión para o garda civil da Manada

Cre que hai risco de fuga que se manifesta no seu intento de conseguir o pasaporte a pesar da prohibición de saír de España

Antonio Manuel Guerrero. PEPO HERRERA
photo_camera Antonio Manuel Guerreiro, membro da Manda. PEPO HERRERA

A Fiscalía solicitou á Audiencia de Navarra que convoque unha nova vista para pedir o ingreso en prisión de Antonio Manuel Guerrero, o garda civil da Manada, ante o risco de fuga que se manifesta no seu intento de conseguir o pasaporte a pesar da prohibición de saír de España. A Fiscalía Xeral do Estado informou desta petición despois de que a Fiscalía de Navarra recibira a comunicación da Xefatura Superior de Policía na que se lle informa dese intento, que se produciu na mañá do luns 25, apenas tres días despois da súa posta en liberdade baixo fianza.

A Fiscalía solicitará a medida cautelar de ingreso en prisión ante o "risco de fuga" manifestado polo intento de quebrantamento da medida "expresamente acordada" no auto de que "non podía obter un novo pasaporte no futuro".

O Ministerio Público pediu tamén á Sala que deduza testemuño do auto no que se estableceu a medida cautelar de non obtención de novo pasaporte e da comunicación da Policía informando oficialmente do feito ao xulgado de garda de Sevilla, por se os feitos puidesen ser constitutivos dun "posible delito de quebrantamento de medida cautelar en grao de tentativa".

Antonio Manuel Guerrero, o garda civil condenado por abusos sexuais a unha moza nos Sanfermíns de 2016 xunto cos outros membros da Manada, intentou obter o pasaporte o pasado luns, o mesmo día que declaraba por primeira vez ante o xulgado en Sevilla, pero a súa petición foi rexeitada. A xefa do equipo de expedición deses documentos na oficina de Tablada-Sevilla comunicoulle a imposibilidade de facer ese trámite por ter prohibida a saída do territorio nacional, segundo a dilixencia á que tivo acceso Efe.

Guerrero solicitara cita previa e acudiu á oficina ás 11.30 horas. Unha hora despois, persoouse ante o xulgado de garda para cumprir un dos requisitos que lle impuxo a Audiencia de Navarra para saír en liberdade provisional.

O seu avogado, Jesús Pérez, explicou en declaracións a Efe que o seu cliente foi á comisaría consultar a caducidade do seu pasaporte porque "non quería ter nin o máis mínimo problema". Con todo, sinalou que o seu cliente se presentou na Policía informando "da súa situación e se debía facer algo", xa que cría que tiña o pasaporte caducado pero "non o sabía seguro e quería preguntar como debía actuar" e "incluso se tiña que quedarse con el a Policía".

"Informárono de que ao estar caducado o pasaporte, non tiña que facer nada", asegurou o avogado, unha "situación que se puxo en coñecemento do xulgado". Antonio Manuel Guerrero atópase en liberdade provisional desde o 22 de xuño tras abonar a fianza de 6.000 euros que lle impuxo a Audiencia de Navarra para saír de prisión.

Como o resto dos condenados, debe comparecer os luns, mércores e venres no xulgado de garda da súa localidade de residencia e así o fixo o mesmo luns e este mércores, de forma que terá que volver facelo este venres.

Comentarios