Tres nenos de 6 e 7 anos consomen drogas envolvidas nun ovo Kinder que levaba 'sorpresa'

Os menores sentíronse mal e tiveron que ser trasladados a un centro sanitario

A Policía Nacional investiga como chegou un recipiente cheo de droga ás mans de tres nenos de seis e sete anos en Cádiz, despois de que estes tres menores consumisen accidentalmente a droga nas instalacións do seu colexio.

Os feitos ocorreron a pasada semana e os menores consumiron a droga -achada nun recipiente que adoita gardar no seu interior un ovo Kinder- por accidente ao crer que era unha lambetada, segundo confirmaron a Efe fontes da investigación.

Os menores, xa na clase, manifestaron síntomas de malestar e mareos, polo que foron levados a un centro sanitario para ser sometidos a distintas probas.

Os resultados das probas confirmaron que os menores estaban baixo os efectos do haxix.

A Policía Nacional continúa investigando os feitos, desde a Unidade de Familia e Muller xunto coa Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco), para determinar quen levou o recipiente con droga ao centro educativo.