Puigdemont quenta a véspera do pleno de investidura cunha foto en Instagram

O expresident da Generalitat afirma que non necesita autorización do Supremo para ser investido

Puigdemont, en Copenhague. RICARDO RAMÍREZ
photo_camera Puigdemont, en Copenhague. RICARDO RAMÍREZ

O expresidente da Generalitat fuxido da xustiza española en Bruxelas, Carles Puigdemont, publicou unha foto na súa conta de Instagram na que se ve unha rúa de Barcelona próxima ao Parlament, onde está convocado para mañá un pleno no que os independentistas queren investilo president.

 

Nunha mensaxe xunto á foto da vía pública, que é concretamente o paseo Picasso de Barcelona, Puigdemont escribe: "A 24 horas da investidura. Polo país. Polas liberdades. Polas nosas institucións. Pola democracia. Pola dignidade. Polo futuro. Por ti".

Desta forma, Puigdemont, que ten unha orde de detención se cruza a fronteira, podería suxerir coa foto que estaba en Barcelona, o que non consta, e coa súa mensaxe o que fai é manter a súa posición de ser investido no pleno de mañá nin aínda que sexa de forma telemática, un extremo este último que impide o Tribunal Constitucional nunha medida cautelar.

Ademais, Puigdemont, dirixiu este luns un escrito ao Tribunal Supremo, no que acredita a súa condición de deputado do Parlament e subliña que pode exercer os dereitos que lle son inherentes sen necesidade de "autorización xudicial".

Así mesmo, os deputados de JxCat presentaron un recurso ante o Tribunal Constitucional (TC) para pedir a nulidade da medida cautelar que prohibe unha investidura a distancia de Puigdemont, segundo informou o grupo parlamentario nun comunicado.

O pasado sábado, o TC acordou unha medida cautelar -en resposta ao recurso do Goberno central- na que se prohibe a investidura a distancia de Puigdemont e advírtese de que tampouco poderá ser investido "sen a pertinente autorización xudicial, aínda que compareza persoalmente na cámara, se está vixente unha orde xudicial de busca e captura e ingreso en prisión".

No seu escrito, os avogados de Puigdemont acreditan a súa condición de deputado, con todos os dereitos e prerrogativas que lle son inherentes, "especialmente o de inmunidade parlamentaria", polo que entende que non lle fai falta pedir "ningún tipo de autorización xudicial para o exercicio destes dereitos", sinala o comunicado.

Desde Twitter, o seu avogado Jaume Alonso-Cuevillas subliñou que Puigdemont goza de "todas as prerrogativas parlamentarias, inmunidade incluída".

Así mesmo, os deputados de JxCat presentaron recurso contra o acordo adoptado polo TC, que "non acordou a admisión nin a non admisión a trámite" do recurso do Goberno, senón que impuxo unhas medidas cautelares que ao seu xuízo son "nulas de pleno dereito".

Segundo JxCat, estas medidas "vulneran dereitos fundamentais", dado que non foron solicitadas por ningunha das partes, e "invaden a autonomía do Parlament" e a "competencia exclusiva da Mesa" da cámara catalá na aplicación e interpretación do seu regulamento.

Por iso, piden que se declare a nulidade da decisión do TC e que se acorde a súa suspensión cautelar mentres se tramita o recurso.

En paralelo, Puigdemont enviou unha carta ao presidente do Parlament, Roger Torrent, para pedirlle "amparo" e que adopte "as medidas necesarias para salvagardar os dereitos e prerrogativas do Parlament".

Comentarios