Valls ofrécese a facer alcaldesa a Colau "sen condicións" e Cs desmárcase

Colau negociará con Maragall un acordo goberno antes que de investidura

Manuel Valls. ANDREU DALMAU (EFE)
photo_camera Manuel Valls. ANDREU DALMAU (EFE)

O alcaldable de Barcelona Manuel Valls ofreceuse este mércores á alcaldesa e candidata á reelección, Ada Colau, e ao candidato do PSC, Jaume Collboni, a contribuír a unha "solución positiva para Barcelona" nunha confluencia que deixe fóra da alcaldía o independentismo. Pouco despois, Ciudadanos desmarcouse desa posición.

"É a hora da responsabilidade e facer xestos de responsabilidade: Ada Colau, Jaume Collboni e nós", afirmou Valls en conferencia de prensa.

"Comprométome a asumir a parte que me toca", apuntou Valls, que recordou a Colau e Collboni que "a miúdo na política hai que saber escoller a opción menos mala" e que, nesta ocasión, o máis importante é conter a chegada do alcaldable de ERC, Ernest Maragall, á alcaldía da capital catalá.

Ciudadanos, con todo, avisou de que os seus concelleiros só negociarán co socialista Jaume Collboni, porque non é "nin independentista nin populista". "Se houbese que impedir que haxa un alcalde independentista ou populista, os concelleiros de Cs negociarían cun candidato que non sexa nin independentista nin populista. A pesar das diferenzas que hai coa candidatura socialista, a opción que reúne esas condicións é Collboni", sinalaron desde o partido de Albert Rivera.

Colau negociará con Maragall un acordo de goberno antes que de investidura
O numero dous da candidatura de Barcelona en Comú, Joan Subirats, anunciou este mércores que negociarán con ERC un acordo de goberno "de esquerdas" e "sólido" e, se o alcanzan, falarán de se será alcalde Ernest Maragall ou Ada Colau. Subirats compareceu ante os medios para explicar a breve reunión —20 minutos— que mantiveron Colau e Maragall, empatados a dez concelleiros.

O número dous dos comúns negou que se falase de quen será o alcalde", como afirmou pouco antes en rolda de prensa Maragall. Subirats asegurou que na reunión decidiron comezar un "longo proceso de conversacións, ata o 15 de xuño, sobre políticas progresistas, en base ás que construír un acordo de goberno de esquerdas", no que os comúns queren que estea o PSC e exclúen a JxCat, como propón ERC, incluso das reunións.

Sobre a oferta de Manuel Valls, de votar a favor da investidura de Ada Colau como alcaldesa, Subirats agradeceu a "xenerosidade, benevolencia e boa disposición" do candidato apoiado por Cs, pero reiterou que BComú non ten "ningunha vontade de acordo de goberno" coa formación do exprimeiro ministro francés, nin agora contempla manter conversas con el.

Comentarios