A comisión de investigación da crise da auga en Ferrol non "buscará cabezas"

O alcalde, Jorge Suárez, manifestou que o obxectivo non é buscar culpables, senón "que no futuro esta circunstancia non se volva a producir"

A comisión de investigación sobre a restrición do consumo da auga durante o pasado mes de xullo en Ferrol reunirase o martes 18, estará formada por un edil de cada un dos partidos con representación municipal e o obxectivo da mesma será "clarificar con transparencia todo o que pasou e que as conclusións sexan públicas para toda a cidadanía", segundo afirmou este xoves o alcalde, Jorge Suárez.

Outra das metas da comisión é a elaboración dun plan municipal de urxencias, publicalo e que estea dispoñible para situacións adversas, dado que o actual non está adaptado ás leis de protección civil actual, dixo en conferencia de prensa.

En calquera caso "o obxectivo da comisión non é buscar cabezas (de turco) senón que no futuro esta circunstancia non se volva a producir", aclarou o rexedor ferrolán.

Suárez confirmou que ten no seu poder o informe de Emafesa realizado polo seu xerente, Alejandro Pisa e que está a ser analizado nestes días.

Polo momento, as 80 páxinas que o conforman arroxan segundo o rexedor as mesmas conclusións que a Fiscalía: os organismos tomaron decisións no ámbito das súas competencias e non houbo neglixencia por parte das administracións implicadas.

Esta información achegada pola empresa mixta de xestión da auga será completada coa achegada polos técnicos e funcionarios do Concello.

Por outra banda, o alcalde confirmou que se deu inicio ao expediente para que o número de mocións e o tempo de intervencións nos plenos municipais non estea limitado, tal e como instaurou o anterior goberno local.

A aprobación inicial deste punto producirase no próximo pleno ordinario e a súa aprobación será definitiva a final do mes de setembro.

Suárez afirmou que a limitación do acceso de público aos plenos tiña uns "intereses que ían máis aló da seguridade. A cidadanía ten pleno dereito a manifestarse en lugares públicos como o Concello", concluíu o alcalde de Ferrol.

Comentarios