Case 140.000 galegos recoñecen problemas de visión á hora de conducir

O máis recomendable é facer unha revisión oftalmolóxica unha vez ao ano

Señal STOP con mala visión. RACE
photo_camera Sinal STOP con mala visión. RACE

Un 8% dos condutores galegos confesa que o estado da súa visión pode afectar á hora de conducir, o que supón un total de 138.683. "Un 42% non se revisa a vista desde hai máis dun ano. E, o que é máis preocupante, un 3% non a revisa desde hai máis de dez anos”, destaca Pedro Cascales, de Country VP de Essilor España, especialistas en lentes oftálmicas, que realizou o estudo en colaboración coa Federación Internacional do Automóbil (FIA), o Real Automóbil Club de España (Race) e Cepsa.

“O recomendable é realizar unha revisión da vista con carácter anual para garantir a seguridade ao volante", asegura o Decano do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas, Juan Carlos Martínez Moral. As estacións de servizo Cepsa ofrecerán aos seus usuarios recomendacións para revisar e protexer a súa visión na condución.

O estudo tamén revela que os galegos preocúpanse máis polo estado do coche que deles mesmos. Un 32% dos galegos sempre os revisa antes de saír de viaxe, pero ata o 67% nunca revisou a súa visión antes dun desprazamento longo por estrada.

O uso de gafas e lentes de contacto é necesario en calquera momento do día. Un 60% dos consultados afirma utilizar algún sistema de compensación visual, sendo por estatística os máis utilizados entre as persoas de 46 e 65 anos.

Comentarios