O 900 815 085, novo teléfono para denunciar de forma anónima a incendiarios

O obxectivo é incrementar a concienciación social fronte a "delincuentes" que "poñen en perigo" á poboación

Terreno calcinado en el gran incendio de Dodro y Rianxo. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Terreo calcinado por un incendio. LUíS POLO (AGN)

O 900 815 085 será o número de teléfono gratuíto que activará a Xunta para que os galegos poidan denunciar de forma anónima e confidencial a incendiarios na comunidade. Así o avanzou este martes no Parlamento galego o conselleiro do Medio Rural, José González, quen sinalou que poderase alertar de calquera "comportamento presuntamente incendiario".

O obxectivo é incrementar a "concienciación social" fronte a "delincuentes" que "poñen en perigo" á poboación, para os que pide "tolerancia cero". 

Nunha comparecencia para presentar as liñas mestras do plan contra lumes en Galicia (Pladiga) deste ano, aprobado a principios de mes no Consello da Xunta, José González fixo unha chamada a todos os grupos da Cámara galega para levar a cabo "un pacto autonómico" de loita contra os incendios forestais.

Investigado un ourensán por un pequeno incendio orixinado en Carballiño 
A Policía Autonómica tomou declaración como investigado a un home acusado de provocar un pequeno incendio forestal ocorrido o 24 de maio na parroquia de Mesego, no municipio ourensán do Carballiño. O lume, que afectou a 0,01 hectáreas de superficie rasa, tivo a súa orixe nunha queima de restos forestais que o investigado realizou sen adoptar as medidas de seguridade preceptivas. Así, deixouna mal apagada, o que provocou que o lume se estendese. 

Na campaña contra os incendios forestais de 2019, a Policía adscrita a Galicia investigou xa a 42 persoas como presuntas autoras de lumes.

Simulacro en Xinzo
Por outra banda, a Xunta organizou este martes en Xinzo de Limia un simulacro de incendio forestal co obxectivo de seguir mellorando a preparación e coordinación ante posibles urxencias. A actividade tivo lugar na parroquia de Gudín e participaron máis de 70 efectivos. O exercicio serviu para comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operasen con total coordinación, cun resultado positivo. Trátase do segundo simulacro deste tipo que se fai en Galicia este ano, despois do de Muros. 

Comentarios