Lixeiro aumento dos contaxios en Galicia coa quinta onda da pandemia en retroceso

Os positivos detectados nas últimas 24 horas superaron o limiar do medio milleiro
Pruebas PCR en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Probas PCR en Pontevedra. RAFA FARIÑA

Os casos activos de covid-19 seguen en descenso en Galicia, ao situarse este venres en 9.284, que son 202 menos que no anterior reconto. Iso si, os novos contaxios aumentan a 559, que son 61 máis, nunha xornada na que se mantén estable a presión hospitalaria. 

Os datos actualizados este venres polo Sergas —ata as seis da tarde do xoves— reflicten que hai 274 persoas hospitalizadas con covid, o mesmo número que na xornada anterior. Con todo, hai dúas máis en unidades convencionais (217) e dúas menos nas Uci (57). 

Por áreas sanitarias, crecen as infeccións activas en Lugo, que ten 1.422 (45 máis que o xoves); Santiago, que notifica 1.291 (43 máis), e Ourense, con 707 casos (19 máis). 

Mentres, segue o descenso no resto de áreas: Vigo ten 1.943 casos activos (130 menos); A Coruña, 2.530 (79 menos); Pontevedra, 731 (64 menos), e Ferrol contabiliza 660 (36). 

A incidencia acumulada en Galicia sitúase nos 304 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, dez puntos por baixo da taxa do mércores, pero aínda por enriba da media estatal (273,43). 

Desde o inicio da pandemia detectáronse na comunidade 177.077 casos de covid e 2.553 mortes, tras un novo falecemento comunicado este xoves polo Sergas. 

Comentarios