Ábalos insiste: "É posible que o Ave chegue en 2021 pero pido lealdade á Xunta"

O ministro de Transportes acode ao Comité Nacional do PSdeG, no que Caballero tira de metáfora bélica: "Haberá que porse o chaleco antibalas"

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, reiterou este sábado que “é posible” que o Ave chegue a Galicia en 2021 e pediu “lealdade” á Xunta e ao resto de Administracións para poder cumprir con este obxectivo no prazo fixado.

“Leal non é estar a desexar todos os días que nós fracasemos no noso calendario”, advertiu Ábalos durante un acto do PSOE este sábado en Santiago de Compostela, no que instou ao Goberno galego a arrimar “un pouco máis o ombreiro” e a deixar de utilizar politicamente esta cuestión.

No seu discurso, o ministro asegurou que mantén un “compromiso” con Galicia e ligou o nomeamento de Isabel Pardo de Vera como presidenta do Adif á súa intención de que o Ave poida chegar a este territorio con moita brevidade.

Neste sentido, sobre o avance das obras, apuntou que “estamos a un trimestre” de que finalicen as probas de seguridade no tramo entre Zamora e Pedralba, que foron “absolutamente ben”; e que, a partir de aí, tocará realizalas no segmento Pedralba-Ourense, o cal irá máis rápido -destacou- por contar xa coa tecnoloxía necesaria.

“Seguimos traballando para o 2021 e cremos que, salvo algún imprevisto, iso é posible”, afirmou Ábalos, que dixo que este calendario se logra “a base de insistir” e de non “cesar no empeño”, dado que en calquera obra “hai ás veces incidencias”.

En calquera caso, considerou “un atrevemento” que “coa experiencia que hai en Galicia” haxa quen frivolice e banalice as probas de seguridade nun tren -subliñou- que contará con sistema ERTMS de Madrid a Zamora.

Así pois, pediu á Xunta que se centre en atender as súas competencias en materia de educación e sanidade, con alusión expresa ao peche do paritorio do hospital de Verín, porque isto “tamén é unha condición básica na relación entre as distintas Administracións”.

Do mesmo xeito censurou que os membros do Goberno galego non mostran a “mesma comprensión” co Executivo estatal da que facían gala cando gobernaba Mariano Rajoy, a pesar de que o Tribunal de Contas determinou que a súa xestión da execución das obras da Ave supuxo case 500 millóns de euros de custos adicionais.

Respecto da herdanza de anteriores mandatos do PP, Ábalos sacou a colación as distintas prórrogas aprobadas polo Goberno de José María Aznar ás concesións de diferentes autoestradas españolas, que no caso da galega AP-9 suporán a súa xestión privada ata o ano 2048.

“Facía falta seguir renovando esas concesións e ademais con esas condicións coma se aínda estivesen a amortizar a concesión?”, preguntouse o ministro, que defendeu a aposta do seu gabinete por asumir a xestión pública destas vías e reducir ou mesmo eliminar as peaxes aplicadas sobre as mesmas.

No caso da AP-9, trasladou que no Goberno está “moi disposto á transferencia desta autoestrada se a quere Galicia”, unha demanda unánime dos partidos políticos galegos, pero que, en todo caso, deberá realizarse con responsabilidade “e lealdade” entre as Administracións implicadas sobre o seu modelo futuro de xestión.

Si foi máis firme Ábalos ao afirmar que mantén o seu compromiso de bonificar e reducir as peaxes desta infraestrutura no marco dunha axenda galega que contempla máis actuacións como electrificar a vía ferroviaria a Lugo na súa conexión con Ourense.

"Nin un só minuto de atraso do Ave se pode achacar a este Goberno"
O responsable estatal de Transportes interveu esta sábado ante o Comité Nacional do PSde, apenas uns minutos despois de que o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, lle trasladase do seu apoio á fronte desta carteira.

“Non hai nin un só minuto de posible atraso da Ave que se poida derivar da acción deste Goberno”, sostivo Caballero, que apoiou as posicións de Ábalos e esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que compareza para dar explicacións sobre a paralización nestas obras cando gobernaba Mariano Rajoy.

De igual forma, expresou que seguirán pedindo ao ministerio aquilo que Galicia necesite, aínda que se mostrou convencido de que, ao longo desta lexislatura, lograranse “avances históricos” en tema de infraestruturas.

Comentarios