Ábalos recibirá ás vítimas do Alvia aos cinco anos do accidente

A asociación de afectados comparece este martes na comisión do Congreso

José Luis Ábalos. J.J. GUILLÉN (EFE)
photo_camera José Luís Ábalos, no Congreso. J.J. GUILLÉN (EFE)

O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, recibirá proximamente ás vítimas do accidente ferroviario do Alvia en Angrois, que este martes comparecen na comisión de investigación aberta no Congreso dos Deputados sobre o descarrilamento do tren que causou 80 mortos e máis de 140 feridos. Fontes de Fomento informaron a Efe de que o ministro recibirá ás asociacións de vítimas de Angrois no ministerio "nos próximos días", cando está a piques de cumprirse cinco anos do sinistro, ocorrido o 24 de xullo de 2013. 

A comisión de investigación do accidente do Alvia, constituída hai case tres meses, acolle este martes as comparecencias de Jesús Domínguez La Rosa, Presidente da Plataforma Vítimas Alvia 04155, de Cristina Liras Llorente, vogal da Plataforma, e de Concepción Díaz Andrés, Vogal da Asociación de Prexudicados polo Accidente.

As súas comparecencias irán seguidas, este mércores, de Carmen Jiménez Berrocal, Directora da Oficina de Atención a Vítimas de Renfe, así como Francisco José Garzón Amo, o maquinista do tren sinistrado, e Antonio Martín Marugán, o interventor do convoi.

A comisión reunirase polo menos unha vez á semana e contará cun total de 49 comparecencias para esclarecer as causas do accidente ferroviario de Santiago. 

O tren Alvia que efectuaba o percorrido entre Madrid e Ferrol descarrilou nunha curva ao aproximarse á capital galega ás 20.41 horas do 24 de xullo de 2013 cando circulaba a 179 quilómetros por hora, segundo as caixas negras da locomotora, a pesar de que o límite establecido era de 80 quilómetros por hora. 

O exceso de velocidade foi considerado como a principal causa do descarrilamento, do que aínda está en fase de instrución o proceso xudicial para determinar os responsables desa traxedia ferroviaria, unha das maiores de España. 

O maquinista, que freou só uns segundos antes do descarrilamento, é o principal procesado xunto co exdirector de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte.

Comentarios