Abel Caballero acepta o reto de Heredeiros da Crus e subirá a cantar con eles

O rexedor vigués xa coñece a canción que entoará xunto ao mítico grupo ribeirense

Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, non se achica ante nada nin ninguén. O rexedor vive probablemente o mellor momento a nivel mediático logo da ampla repercusión da iluminación do Nadal da cidade olívica, e parece que decidiu aproveitar este tirón para continuar promocionándose.

A última ocorrencia do socialista ten como compañeiros de viaxe nin máis nin menos que aos integrantes da mítica banda Heredeiros da Crus, que teñen previsto actuar este martes en Vigo como parte da súa programación de entroido. O grupo ribeirense publicou un vídeo na súa conta de Facebook no que retaba ao alcalde a cantar unha determinada canción: "Abel, Abel, Abel... se foses un caballero subirías o martes de entroido a cantar connosco o Hallelujah de Leonard Cohen. ¡Está chupao!", din.

E como non podía ser doutro xeito, Caballero recolleu a luva. "Terei que ensaiar, pero acepto o reto", dixo en palabras recollidas por diversos medios.

O concerto terá lugar este martes ao redor das 23.00 horas en Porta do Sol e porá o punto final ao Entroido de Vigo.

Comentarios