Abel Caballero insiste en que a AP-9 non será urbana desde Padín, onde "non vive ninguén"

O alcalde de Vigo  proclamou que os accesos desde a Avenida Buenos Aires seguen sendo "un gran obxectivo da cidade"

Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Vigo en funcións, Abel Caballero, insistiu este venres en que o proxecto de conversión en viaria urbano da AP-9 na súa entrada á cidade contempla só o tramo desde a Avenida de Buenos Aires ao centro, e non desde Torres de Padín, como reclaman En Común Unidas Podemos, o PP, o BNG e as asociacións veciñais de Teis e Chapela. 

En declaracións aos medios, Caballero proclamou que os accesos desde a Avenida Buenos Aires seguen sendo "un gran obxectivo da cidade", e o Ministerio de Fomento xa está a elaborar os pertinentes estudos para ese tramo, ao redor do cal "viven decenas de miles de vigueses". 

"Non se contempla ningunha outra opción, (non se contempla) facelo desde Torres de Padín, un sitio no que non vive ninguén, salvo alguén dunha asociación de veciños, que parece que quere un acceso á autoestrada só para el. Alí non vive practicamente ninguén, que se esquezan", insistiu o alcalde. 

Segundo Abel Caballero, quen defenden a conexión desde ese punto "son os que sempre se dedicaron a ir contra a cidade". "¿Non tomaron nota do que acaba de pasar nas eleccións? ¿Mareas e BNG non tomaron nota? Pois llo vou a dicir mañá", sentenciou o rexedor, en alusión ao pleno de investidura deste sábado, no que será reelixido cunha maioría absoluta de 20 edís (dos 27 posibles). 
 

Comentarios