Abelardo Carballo, novo alcalde de Viana do Bolo tras prosperar a moción de censura

Secundino Fernández tacha a moción de censura de "traizón"
Secundino Fernández con representantes da Executiva nacional do BNG. DP
photo_camera Secundino Fernández con representantes da Executiva nacional do BNG. DP

O exsocialista Abelardo Carballo é desde este martes o novo alcalde de Viana do Bolo (Ourense), ao prosperar unha moción de censura presentada polos catro concelleiros do PP e dous edís díscolos do PSOE para arrebatar a Secundino Fernández (BNG) o bastón de mando. 

O acordo entre dous exsocialistas –Abelardo Carballo e Santiago Barja, que pasan ao grupo de non adscritos ao abandonar o partido– e os populares inclúe a repartición da Alcaldía durante os tres anos que restan de mandato. Primeiro, Carballo gobernará durante ano e medio, tras o cal cederá o posto ao portavoz do PP, Andrés Montesinos, quen terminará a lexislatura. 

O ata agora rexedor de Viana, Secundino Fernández, criticou esta operación porque foi levada a cabo por "persoas que traizoan aos seus votantes", segundo trasladou en declaracións a Europa Press á saída do pleno celebrado este mediodía. 

O nacionalista reprobou esta estratexia porque con ela "venden o voto que lles deron os veciños" nos comicios celebrados fai algo máis dun ano para "volver meter no goberno ao Partido Popular, que perdeu as eleccións dúas veces seguidas mesmo baixando cada vez máis en votos", referiu. 

As eleccións municipais do 2019 colocaron ao PP como primeira forza de Viana do Bolo con catro concelleiros, os mesmos que o BNG, que conseguiu gobernar desde o inicio do mandato grazas aos tres conseguidos polo PSOE –portavoz socialista, María Páez, será agora a única que represente a este partido no Concello–.

PANCARTAS E UN ESCRITO. A presión dos nacionalistas nos últimos días, con pancartas, publicacións en redes sociais e mesmo a presentación dun escrito, non serviu finalmente para frear unha moción que se veu xestando desde finais de xuño. 

Así, Secundino Fernández abundou que "a poboación de Viana non quería que sucedese isto" e fixo mención ao documento asinado a semana pasada por 35 pedáneos –elixidos polos veciños–, que "representan máis do 80% dos núcleos de poboación" do municipio, no que "rexeitaban esta moción de censura". 

"A xente estaba totalmente en desacordo porque realmente non é o que votaron, era manipular e vender a vontade do pobo de Viana", sentenciou o xa exalcalde nacionalista.

CARBALLO: "ASÍ NON PODES ESTAR CATRO ANOS". Un dos dous concelleiros tránsfugas do PSOE, que será rexedor vianés durante ano e medio, Abelardo Carballo, destacou a Europa Press, sobre a xestión do seu antecesor, que "así non se pode levar un Concello". Aínda que dixo non ter "nada contra" de Fernández, apuntou que "as súas formas non son as correctas e Viana merece outra cousa". 

"A ver se somos capaces de facelo mellor que el, eu creo que si", engadiu Carballo, quen lamentou igualmente a tensión vivida no pleno desta mañá, á que se chegou porque "o anterior alcalde leva quentando o ambiente moito tempo" a pesar de que eles desexaban "que fose unha cousa máis sinxela e agradable para todos". 

Segundo o exsocialista, a separación comezou porque no último ano, Fernández "non aceptou ningunha das mocións" que se presentaron cando estaba no PSOE, incluso "algunhas" delas "chegou a votalas a favor, pero non as levou a cabo como alcalde". "Iso indígnanos", apostilou. 

Pero a pinga que colmou o vaso "foi que durante a pandemia desapareceu de Viana". "A xente estaba a pedirlle que había que desinfectar e el desde Lugo sempre dicía a mesma historia: que non era necesario", sentenciou.

ANDRÉS MONTESINOS (PP): "SON UNS DITADORES". O portavoz municipal do PP, Andrés Montesinos –tomará o bastón de mando dentro de ano e medio–, cualificou aos nacionalistas de "ditadores" e abundou que "o demostraron coa súa mala educación, pondo carteis e demais". 

Montesinos manifestouse "moi satisfeito de poder quitar" a Secundino Fernández e aclarou que o compromiso dos exsocialistas e os populares é o de "levar Viana adiante e gobernar entre os dous grupos".

O PSOE APUNTA A BALTAR. Pola súa banda, o PSOE fixo público en redes sociais o seu apoio á única edil socialista que votou en contra da moción, María Páez, unha portavoz "con moita dignidade que non se corrompeu ante os caciques" como "si fixeron os dous tránsfugas indignos" nunha "moción orquestrada por Manuel Baltar" –presidente da Deputación e do PP de Ourense. 

O pleno para debater a moción de censura celebrouse este mediodía na Casa da Cultura de Viana do Bolo --para poder manter as medidas contra a COVID-19-- ante un cheo absoluto coas 75 butacas dispoñibles ocupadas e unha gran cantidade de xente nos arredores do recinto. 

Comentarios