Absolto un acusado de raptar a muller do narco 'El Panadero' e unha empregada en Vilagarcía

A Fiscalía tamén sinalaba inicialmente a outra persoa, pero nas conclusións finais retirou a acusación

Un momento del juicio. EFE
photo_camera Un momento do xuízo. EFE

A Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a un acusado de disfrazarse de Garda Civil e de secuestrar, en novembro de 2013, a dúas mulleres en Vilagarcía de Arousa. Na sentenza estímase que non quedou acreditado que a nave industrial abandonada na que se atoparon restos de sangue do acusado fose o lugar no que as mulleres estiveron retidas. Inicialmente, a Fiscalía tamén acusaba a outro home, pero nas súas conclusións finais retirou a acusación.

O tribunal sinala que o achado dos restos de sangue do acusado "por si só non pode entenderse como proba de cargo para desvirtuar a presunción de inocencia", pois o home recoñeceu que estivera con anterioridade na zona. As dúas mulleres -unha é a esposa do narcotraficante coñecido como El Panadero e a outra, unha empregada de fogar- aseguraron que non podían recoñecer o lugar porque estiveran coa cara tapada, nin tampouco ao acusado

"Dado que non hai certeza de que na nave estivesen retidas as denunciantes, non se pode concluír con certeza que a presenza do ADN do acusado no lugar se deba a que fose o autor do delito que aquí se persegue", sinalan os xuíces. 

O ministerio fiscal solicitaba unha pena de 12 anos de prisión por delito de roubo con intimidación en concurso con delito de detención ilegal, 18 meses de multa cunha cota diaria de 12 euros e 3.000 euros polo diñeiro subtraído. 

Segundo se recolle na sentenza, o 20 de novembro de 2013 unhas persoas vestidas con uniforme de garda civil presentáronse na vivenda dunha das mulleres, á que lle dixeron que lle ían entregar unha citación para a súa filla. Cando abriu a porta e tras ensinarlle o documento de identidade, detivérona e colocáronlle unhas bridas nas mans. Tamén retiveron a empregada de fogar que se achegou a interesarse polo que estaba a suceder. 

As dúas mulleres aseguraron que non podían recoñecer o lugar no que estiveran retidas nin ao acusado

Tras meter a ambas nun coche, tapáronas con pasamontañas e leváronas a un lugar que descoñecían, para levalas de novo pola tarde de regreso ao domicilio. 

No transcurso das investigacións, derivadas da denuncia presentada por Rosario C.O. -muller do narco galego O Panadeiro-, os axentes da policía científica acudiron a unha nave e atoparon restos de sangue que, unha vez analizados, correspondéronse con M.S.M. A identificación xenética constaba nunha base de datos por estar imputados en dilixencias policiais anteriores. 

XUíZO. Durante o xuízo Rosario C. e a súa asistenta M.F.O.M, non recoñeceron os acusados como os individuos que as retiveron contra a súa vontade, ameazáronas e roubaron na súa casa. Tamén aseguraron que non sabían onde estaba situada a nave á que foron conducidas, porque levaba a cara tapada. 

Os axentes que declararon no plenario non explicaron tampouco por que se tomaron mostras na nave industrial de Vilagarcía, xa que só compareceron os axentes e non o instrutor nin o secretario, polo que non quedou acreditado que a nave industrial abandonada fose o lugar no que ambas as mulleres estiveron retidas. 

A sentenza non é firme e contra ela pódese interpor un recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.