Un accidente deixa unha muller morta e unha moza ferida en O Pino

O sinistro rexistrouse á altura da discoteca Dona Dana ►A vítima mortal tivo que ser excarcerada
O coche accidentado sendo retirado. CRTVG
photo_camera O coche accidentado sendo retirado. CRTVG

Unha muller, da que polo momento non constan datos, resultou morta na madrugada deste domingo a consecuencia dun accidente de tráfico rexistrado ás 03.30 horas en O Pino. Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Arzúa para liberar á vítima, que quedou atrapada no interior do turismo debido ao impacto.

Ademais, outra persoa que viaxaba no vehículo resultou ferida e tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios. Trátase dunha moza de 22 anos, segundo sinalan os primeiros datos facilitados polo 061.

O conductor, que resultou ileso, arroxou unha taxa positiva de alcol. 

Foi un particular quen informou dun accidente na estrada N-547, á altura da discoteca Dona Dana. O alertante indicaba que o coche estaba envorcado e que puideran sacar a unha muller ferida do seu interior. No transcurso da chamada, outra persoa particular comunicaba aos xestores de urxencia a existencia doutra persoa inconsciente e atrapada dentro do vehículo.

Segundo sinala o 112 Galicia, pasouse entón aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Arzúa. Tamén, os efectivos de Protección Civil da localidade foron informados o sinistro.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración da persoa falecida e o traslado da persoa ferida ao centro hospitalario de referencia polo persoal sanitario.