Achan no seu domicilio de Ferrol o cadáver dunha muller que vivía soa

A vítima podería levar varios días falecida

O cadáver dunha muller de avanzada idade foi achado este xoves no interior do seu domicilio da rúa Alcalde Usero de Ferrol. A muller vivía soa na casa e podería levar varios días falecida.

Segundo informaron a Europa Press fontes policiais, foi un familiar quen avisou aos servizos de urxencia de que non puidera contactar coa muller.

Ante a alarma, ao lugar acudiron tanto os axentes da Policía Local como da Nacional, que atoparon o corpo sen vida da muller.

A Policía Nacional asumiu as investigacións e as primeiras hipóteses apuntan a que a morte se debe a causas naturais.