Atopan en Melide sete cabalos mortos e unha vintena máis con malnutrición

A Garda Civil investiga un veciño do municipio, "multirreincidente en delitos de malos tratos animais" 
El establo con los animales muertos en Melide. GUARDIA CIVIL
photo_camera O cortello cos animais mortos en Melide. GARDA CIVIL

A patrulla do Seprona da compañía de Santiago abriu unha investigación sobre un veciño de Melide por un suposto delito contra animais domésticos en relación á morte de sete cabalos. As pescudas iniciáronse a raíz de que a Garda Civil observase "diversas irregularidades" en materia de sanidade animal, que tamén foran apreciadas en anteriores ocasións e no mesmo lugar.

Atendendo á información divulgada polo instituto armado, púidose comprobar a existencia de 29 equinos nas instalacións, sete deles mortos. "Todos os cabalos mostraban signos de malnutrición, mala hixiene e falta de coidados imprescindibles para a súa existencia", asegura. 

Dous dos animais falecidos atopábanse en cuadras individuais e contiguas, "nas que se puideron apreciar signos evidentes da agonía sufrida e as tentativas de escapar dos habitáculos onde se atopaban amontoados", sinala a Benemérita. 

Por iso, requiriuse a colaboración dos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural para a inspección das instalacións e a valoración do estado dos animais, polo que se procedeu a adoptar medidas para preservar a vida dos animais. 

Os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de Arzúa. Segundo o instituto armado, o presunto autor dos feitos "é multirreincidente en delitos de malos tratos animais". 

Na mesma parcela, o pasado mes de maio, realizouse outra intervención coa que se atoparon os corpos de seis cabalos e dous cans. Algúns presentaban un avanzado estado de descomposición. Tamén se procedeu a outra intervención policial similar no ano 2012.