O acordo do Brexit permite á flota galega faenar en augas británicas ata 2022

Rueda admite que "agora mesmo as perspectivas non son tranquilizadoras" para Galicia en relación cos futuros fondos europeos

El arrastre es una de las flotas más perjudicadas por la norma. AEP
photo_camera Barcos. AEP

O acordo pechado entre a UE e Reino Unido para o Brexit permite que flotas como a galega sigan faenando en augas británicas ata 2020, cunha etapa de transición que pode chegar ata 2022. Así o trasladou este luns o embaixador de España ante a UE, Pablo García-Berdoy, ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida en Bruxelas.

Respecto diso, Rueda sinalou que con este encontro búscase ter "información de primeira man" sobre as negociacións, en especial sobre o que máis interesa a Galicia, como é o impacto que pode ter na flota pesqueira este acordo.

Sobre este extremo, Rueda valora que "as cousas van polo bo camiño", xa está "encima da mesa" que para que poidan entrar produtos pesqueiros británicos ao mercado comunitario débese permitir o acceso de flota como a galega aos seus caladoiros. Así, prevese que poida seguir pescando ata 2022, "un pouco máis de tempo do que estaba previsto inicialmente", co período de transición, a falta de saber que pasará en negociacións para o futuro. Por iso, o vicepresidente da Xunta mostra a súa "tranquilidade" e "optimismo" ao preverse "un período máis amplo".

Con todo, o vicepresidente galego cre que o importante é que se alcance un acordo de forma "definitiva" posterior a esa data, aínda que remarca que hai "moitos intereses en xogo de moitos países", polo que corresponderá a posteriores negociacións. Ademais, recorda que hai máis intereses en xogo para a comunidade galega relativos a outros produtos e a libre circulación de persoas.

MANTER FONDOS. No tocante ao futuro marco financeiro plurianual 2021-2027, o vicepresidente da Xunta admite que "agora mesmo as perspectivas non son tranquilizadoras" para Galicia, ante o risco de perder fondos europeos. "O que nos transmitiu o embaixador é que temos moito traballo por facer e que, desde logo, a día de hoxe non está nin moitos menos garantido que poidamos manter os nosos fondos", explica.

Entre outras cuestións, estímase unha diminución do orzamento para cooperación a partir de 2021, xa que a Comisión Europea propón un descenso xeralizado de cofinanciación europea na execución de fondos Feder e o Fondo Social Europeo. Con todo, a Xunta aposta por "traballar" e "buscar aliados" para evitar estes recortes, que non se poden producir en ningún caso". Chama a moverse "con máis intensidade a partir de agora".

E é que recorda que no ano 2014 "había unha posibilidade certa de que Galicia baixase moito en fondos", pero con "traballo" reverteuse. "Tamén o Goberno español ten que traballar como se fixo en 2014", avisa.

Para iso, apunta que existen argumentos como que Galicia "fai un bo uso dos fondos", así como que o problema demográfico "necesita unha axuda suplementaria" de partidas. Tamén deixa claro que a comunidade pode ser "dobremente prexudicada" polos métodos de cálculo como rexión en transición. Noutra orde de cousas, Alfonso Rueda trasladouse este luns á sede da Fundación Galicia Europa, onde inaugurou o curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Comentarios