O acusado de matar á súa muller no Carballiño seguirá en prisión provisional

A Audiencia sustentou esta decisión "na gravidade da pena á que se enfronta o investigado" como presunto autor dun delito de homicidio

El alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, junto a vecinos y otros miembros de la corporación municipal, durante la concentración en repudio al crimen de Virginia Ferradás. BRAIS LORENZO (EFE ARCHIVO)
photo_camera O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, xunto a veciños e outros membros da corporación municipal, durante a concentración en repudio ao crime de Virginia Ferradás. BRAIS LORENZO (EFE/ARQUIVO)

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense acordou prorrogar "durante dous anos" –pode alcanzar ata o máximo legal de catro anos– a prisión provisional para o sospeitoso de matar á súa muller en xaneiro de 2017 no seu domicilio do Carballiño. 

Segundo indicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Audiencia sustentou esta decisión "na gravidade da pena á que se enfronta o investigado" como presunto autor dun delito de homicidio. 

Os feitos tiveron lugar en xaneiro de 2017, cando o sospeitoso, José Alén Lorenzo, no transcurso dunha discusión, agarrou á súa esposa, Virginia Ferradás. e matouna por asfixia, tras provocarlle varios cortes no pescozo.

Tras o ocorrido, o presunto homicida intentou quitarse a vida e ingresou no hospital ao presentar unha grave afectación das súas facultades de comprensión.

Para adoptar esta decisión, os maxistrados tiveron en conta a existencia de risco de fuga debido a que o acusado, que xa residiu no estranxeiro, dispón "de bens suficientes para poder levala a cabo".

Ademais, inciden na necesidade de que se manteña en tratamento debido ás "doenzas psíquicas" que padece e que aconsellan a súa permanencia en prisión provisional "ante o risco da comisión de novos feitos delituosos".