Adaptan as axudas a festivais escénicos para incrementar a contratación de compañías galegas

As bases establecen, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os eventos
Público no Son do Camiño 2019. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Público no Son do Camiño 2019. ÓSCAR CORRAL

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, que a Xunta dota con case 200.000 euros e que, nesta ocasión, adapta as bases para facilitar a súa celebración no contexto post Covid-19 e aumentar ata o 60% a contratación de compañías galegas. 

En concreto, as axudas de 2020 impulsan a presenza de formacións galegas nos carteis, que agora deben supor un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza -o ano pasado, a porcentaxe situábase no 20% e o 30%, respectivamente-. 

As bases establecen, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os festivais a través desta convocatoria, que elévase ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión), fronte ao 50% de 2019. 

Do mesmo xeito, modifícase tamén o mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria. Como en anos anteriores, esta porcentaxe non será tido en conta para os festivais de rúa. 

Convocadas anualmente pola Consellería de Cultura e Turismo, as subvencións a estes encontros de artes escénicas diríxense a entidades privadas ou administracións locais galegas organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020. Deben contar cunha traxectoria de, polo menos, dúas edicións anteriores e ofrecer nos seus carteis un mínimo de seis compañías, entre outros requisitos. 

Comentarios