Adif di que se cumpriu coa acta que pedía regular os saltos de velocidade

Sostén que era "absurdo" colocar varios sinais con tan pouca distancia entre as curvas, polo que se homoxeneizou o trazado fixando unha velocidade de 65 quilómetros

Curva de A Grandeira. AEP
photo_camera Curva de A Grandeira. AEP

O exdirector de Vía de Alta Velocidade e subdirector de Vía de Adif, José Manuel Galindo, garantiu que se cumpriu coa acta que pedía corrixir o cadro de velocidades máximas para evitar saltos de velocidade na liña accidentada en 2013 ao seu paso polo barrio compostelán de Angrois.

Concretamente, en xuño de 2011, nunha reunión na que estivo presente Galindo como se reflicte na citada acta, pedíase modificar o cadro de velocidades máximas no tramo de entrada en Santiago para evitar saltos de velocidade. Segundo explicou, no entanto, isto non afectaba á curva da Grandeira –na que se pasaba de 200 a 80 quilómetros por hora– senón a outras tres curvas posteriores que estaban próximas entre si e que por cuestións físicas presentaban velocidades distintas.

Galindo recoñeceu que era "absurdo" colocar sinalizacións distintas con tan pouca distancia entre as curvas e que os trens non podían frear e acelerar con tan pouca separación. Por iso, afirmou que se decidiu homoxeneizar o trazado posterior á curva da Grandeira fixando unha velocidade de 65 quilómetros por hora nas tres curvas posteriores e de 60 quilómetros por hora xa entrando na estación de Santiago. 

Comentarios