Os afectados pola explosión de Paramos piden "axilidade" nas licenzas de reconstrución

Advirten de que necesitan unha tramitación rápida porque en maio quedan "sen cobertura" do pago dos alugueres onde están realoxados
Casas derrumbadas en Paramos. JAVIER CERVERA
photo_camera Casas derrubadas en Paramos. JAVIER CERVERA

A plataforma de afectados pola explosión dun almacén pirotécnico clandestino na parroquia de Paramos, en Tui, en maio de 2018, volveu reclamar este luns que se axilicen os trámites para concederlles as licenzas e poder reconstruír as súas casas, á vez que expresaron o seu "malestar" polas "trabas" e "exceso de celo" que, ao seu xuízo, pon o servizo municipal de urbanismo. 

A través dun comunicado, o colectivo insiste en que os veciños da chamada zona cero da explosión están a atopar "dificultades" nas oficinas de urbanismo do Concello de Tui. Así, apuntan que os seus expedientes se revisan "co máximo detalle" ou se lles piden documentos "que non son necesarios", e alertan de que necesitan unha tramitación áxil dos permisos para reconstruír as súas casas, porque en maio do ano que vén quedan "sen cobertura" do pago dos alugueres das vivendas onde están realoxados. 

O colectivo está preocupado ante unha proposta de cambio sobre as bases das axudas do Concello

A plataforma móstrase a favor de que se lle queira dar "máxima legalidade" á actuación, pero subliña que este é "un caso excepcional que require medidas excepcionais" e que a Lei do Solo de Galicia "foi modificada hai uns meses especificamente para zonas declaradas catastróficas", co fin de dar "encaixe legal" a vivendas que estaban fóra de ordenación. 

O colectivo tamén traslada a súa "inquietude" por unha proposta de corrección das bases que regulan as axudas dadas polo Concello. Segundo apuntan, exponse a posibilidade de reducir de 180 a 120 metros cadrados a superficie máxima das vivendas obxecto de axuda. Así as cousas, advirten de que o cambio sería "grave" e viría modificar unhas bases que foron revisadas polos técnicos municipais, "os mesmos que piden cambiala", que xa foi publicada e "ten plena validez". 

Comentarios