O "agasallo a Galicia" de Chencho

A Consellería de Cultura edita o catálogo de 'Viae ad limina Sancti Iacobi', a exposición na que o debuxante e calígrafo lucense Pardo Valdés reproduce 42 localidades e lugares do Camiño
Román Rodríguez, presenta el catálogo de la exposición 'Viae ad limina Sancti Iacobi', de Chencho Pardo Valdés.
photo_camera Chencho Pardo Valdés sostén o libro durante a presentación este mércores no Museo das Peregrinacións e de Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

"Verba volant, picta manent" ou, o que é o mesmo, "as palabras voan, o debuxado permanece". Con esta particular adaptación da coñecida expresión en latín resume Chencho Pardo Valdés (Outeiro de Rei, 1948) a importancia do catálogo da súa exposición Viae ad limina Sancti Iacobi, que este mércores viu a luz en gran formato e que se presentou ante o público no Museo das Peregrinacións e de Santiago, nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

"A exposición é o verba volant, o que se vai; e os debuxos son o libro, que será o que permaneza", afirma Pardo Valdés sobre o catálogo, unha edición para a que non escatima eloxios. "É extraordinario, un libro de coleccionista, cun gusto exquisito", dixo. En resumo: "Unha xoia en papel".

Trátase dun volume de máis de 100 páxinas, de 35x33x4 centímetros e catro quilos de peso onde se recollen non só as 42 láminas de lugares e localidades do Camiño de Santiago que o artista reproduciu para a exposición, senón que suma outra trintena máis de diferentes escenarios de Galicia.

Realizado sobre un papel italiano especial "que non quebra ao dobrarse", o catálogo foi impreso en Alemaña cunha nova técnica na que non hai un debuxo por páxina senón que se abre a modo de acordeón para ofrecer láminas de 70 centímetros en todo o seu esplendor; é incluso difícil de explicar sen sostelo entre as mans.

A publicación do catálogo completa a mostra inaugurada hai cinco meses no Museo das Peregrinacións

Ademais, cada debuxo vai acompañado dos textos obra do propio Chencho Pardo Valdés en caligrafía medieval. Tamén inclúe unha introdución do presidente da Xunta e unha reseña sobre o autor titulada Un galego senlleiro facendo país obra de Carlos Regueira, "químico e farmacéutico" que, a pesar de non estar vinculado ao mundo da arte, "si entende moito de arte", aclara o lucense, que recoñece que ese coñecemento se demostra porque nas catro páxinas que escribiu acertou de cheo. "Fusiloume", chancea.

Tamén o conselleiro tivo palabras de eloxio para Chencho Pardo Valdés polo "seu agasallo a Galicia", un traballo "excepcional e xenuíno" que se converterá en peza clave para seguir divulgando a cultura do Xacobeo a través da arte. "Grazas por reinterpretar nesta obra a beleza do patrimonio paisaxístico de Galicia, sen perder o seu enfoque realista e o seu valor histórico", dixo Rodríguez sobre unha obra que se distribúe a través da propia consellería.

A publicación do catálogo completa a mostra inaugurada hai cinco meses no Museo das Peregrinacións e de Santiago e clausurada o mes pasado tras ser visitada por máis de 18.000 persoas, unha cifra nada desdeñable en tempos de pandemia.

E a cousa ten pinta de non terminar aí. As láminas de Chencho Pardo Valdés están enmarcadas e embaladas, pero listas para a súa seguinte parada, aproveitando o Xacobeo 2021.

Comentarios