"Agora Galiza", lema do BNG para as xerais nunha campaña que enfoca "non só aos nacionalistas"

O Bloque reivindica que a súa papeleta ten "valor dobre" nas eleccións do 28 de abril
 

Xabier Campos e Olalla Rodil. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Xabier Campos e Olalla Rodil. LAVANDEIRA JR. (EFE)

"Agora Galiza" é o lema electoral elixido polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para a súa campaña ás xerais do próximo 28 de abril coa que pretenden chegar "non só aos nacionalistas" para así solicitar o voto daqueles cidadáns "que boten en falta" que os problemas de Galicia estean "no centro do debate". 

A campaña foi presentada este venres na sede nacional da formación frontista pola deputada Olalla Rodil e o responsable de comunicación do BNG, Xabier Campos; que apelaron a dirixir a mensaxe do Bloque a "persoas que mesmo apostaron por outras forzas pero que agora ven ao BNG como unha forza á alza e a única con capacidade para pór a Galicia no centro do debate político". 

A estratexia do Bloque é aproveitar a súa tendencia "positiva" para así recuperar apoios e volver ás institucións do Estado que abandonaron en 2015 por primeira vez en 20 anos. Para iso, deseñaron unha "campaña inclusiva" dirixida "non só aos nacionalistas". 
"Non nos diriximos só a eles (nacionalistas). O destinatario é toda a xente que quere un cambio positivo na sociedade, votasen o que votasen, falen o que falen e sintan o que sintan", resaltaron. 

O Bloque aposta por encarar un contexto "inédito en democracia" como é a celebración de dous procesos electorais con tres comicios diferentes —xerais, municipais e europeas— en pouco máis dun mes a través dunha "única campaña" a nivel "estético e visual" pero que presentará diferentes lemas para cada proceso. 

Deste xeito, a formación frontista quere facer ver que o voto ao BNG ten "valor dobre", pois "é o único que garante" levar "a voz de Galicia a Madrid sen submisión a forzas estatais" e, ademais, a representa unha aposta por "políticas de progreso" que permitan "derrogar medidas como a Lomce ou a reforma laboral que o PSOE e Podemos non se atreveron a facer".

Comentarios