Agride a súa exmuller e escapa pola fiestra cando ela chama á Policía

A vítima presentaba unha forte contusión no nariz
Hospital Álvaro Cunqueiro. ARCHIVO
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro. ARCHIVO

Un veciño do Porriño de 49 anos foi detido despois de golpear na cara a súa exmuller, que tivo que acudir ao hospital, e escapar pola fiestra cando ela chamou á Policía.

Os feitos, segundo informaron este martes fontes policiais, tiveron lugar ao fío da medianoite do pasado domingo, momento en que a muller, de Ponteareas e 34 anos de idade, chamou á Policía.

Os axentes que acudiron ao lugar dos feitos puideron comprobar que a muller presentaba unha forte contusión no nariz.

Segundo relatou a presunta vítima, momentos antes, o agora detido, de quen se divorciou recentemente, propináralle un forte golpe no rostro, non podendo precisar se coa cabeza ou o puño.

A muller engadiu que comezaran unha forte discusión, no transcurso da cal el tamén a zarandeara agarrándoa polo pescozo, e que cando chamou á Policía o home fuxiu por unha fiestra da vivenda.

A vítima, que sinalou que non era a primeira vez que fora agredida, achegou os datos do suposto agresor e chamouno por teléfono para que os axentes falasen con el.

O home negou o relato da súa exmuller e dixo que fora el o agredido, motivo polo que fuxira da vivenda e marchou a outro municipio.

Pouco despois acudiuse no lugar dos feitos, onde os axentes procederon á súa detención como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Pola súa banda, a muller foi asistida por un indicativo do 061 que a trasladou ao Hospital Álvaro Cunqueiro para ser asistida das súas lesións.