Albor será despedido este venres en Santiago e o PPdeG prepara unha homenaxe para setembro

O expresidente morreu aos 100 anos "sen sufrimento" mentres durmía 

Fernández Albor. AEP
photo_camera Fernández Albor. AEP

Os restos mortais do expresidente Gerardo Fernández Albor, que faleceu na mañá deste xoves, vélanse no tanatorio de Boisaca de Santiago de Compostela, onde quedou instalada a capela ardente ás 16.00 horas. Este venres terá lugar nese mesmo lugar unha misa funeral ás 11.15, antes do enterro no cemiterio municipal.

As primeiras personalidades que quixeron dar o seu apoio á familia foron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, e o portavoz parlamentario, Pedro Puy.

Todos eles tiveron ocasión de saudar aos primeiros familiares que se atopaban no tanatorio e estar algún tempo con eles para acompañalos no duelo polo falecemento do que foi o primeiro presidente da autonomía galega e ofrecerlles as súas condolencias.

Á saída do tanatorio, o presidente da Xunta confirmou que puido acompañar a tres fillos e os mozos que o coidaban ultimamente e de forma máis directa e explicou que Albor se foi durmindo, sen espertar" e "sen ningún tipo de sufrimento". De feito, engadiu que "ás 6.00 da mañá aínda estaba a respirar".

"Foise sen avisar, sen facer ruído, sen molestar... Proseguiu nese soño que agora se converte nun soño eterno", describiu Feijóo, quen recordou que foron 100 anos nos que "fixo de todo" e "moi ben empregados".

"Gerardo Fernández Albor é desas persoas que, se puidese falar neste momento, podería confirmar e dicir que 'Confeso que vivín'", sinalou o dirixente autonómico, facendo seu o título da obra biográfica do nobel Gabriel García Márquez.

Comentarios