O alcalde de Sada solicita a Sánchez que se inclúa o Pazo de Meirás na Lei de Memoria Histórica

Benito Portela remitiu unha carta ao presidente do Goberno na que reclama que a modificación asegure "a retirada dos seus herdeiros" e pase a ser de titularidade pública

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás. AEP

O alcalde do municipio coruñés de Sada, Benito Portela, remitiu este mércores unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na que lle solicita que o Pazo de Meirás se inclúa na modificación da Lei de Memoria Histórica. 

En liña coa petición feita pública este mércores a través dun comunicado, o alcalde de Sada, Benito Portela, reclama que esta modificación, a través dun decreto lei, "debe amparar a retirada dos restos de Franco do Val dos Caídos, pero tamén a retirada dos seus herdeiros do Pazo de Meirás". 

Así mesmo, pide que o Goberno ordene á Avogacía do Estado a interposición de demanda xudicial civil ante o Xulgado de Betanzos, "tal e como acordou unanimemente o Parlamento de Galicia en sesión celebrada o pasado 11 de xullo".

SEGUNDA CARTA A SÁNCHEZ. Esta é a segunda carta –a primeira foi o pasado 19 de xuño– que o alcalde de Sada remite ao presidente do Goberno en relación á situación do Pazo de Meirás. 

Con iso, espera que o Goberno sexa "receptivo" ás súas demandas, sinala nun comunicado. "Unhas demandas que estou seguro que, no trámite parlamentario correspondente, serán compartidas e defendidas nas Cortes do Estado polas forzas políticas democráticas". 

Ademais, na súa misiva, afirma que o Concello de Sada "seguirá pelexando co obxectivo de conseguir que o Pazo pase a ser de titularidade e usos públicos coa debida reparación e recoñecemento ás vítimas da represión". 

Comentarios