O alcalde de Xinzo, Manuel López Casas, dimite por motivos familiares

O popular abandona a política ► Asumira o cargo o pasado mes de abril trala renuncia de Antonio Pérez 

Manuel López Casas. CONCELLO DE XINZO DE LIMIA
photo_camera Manuel López Casas. CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

O alcalde do municipio ourensán de Xinzo de Limia, Manuel López Casas (PPdeG), que relevara a Antonio Pérez no cargo o pasado mes de abril, presentou este luns a súa renuncia como concelleiro e como rexedor por motivos "persoais". 

O actual rexedor fixo este luns efectiva a súa renuncia polo que o grupo de goberno terá que dar conta da súa renuncia e convocar unha nova reunión plenaria en agosto para que entre o seguinte concelleiro na lista. 

En declaracións a Efe, o rexedor, quen xa informou aos grupos da Corporación da súa decisión, confirmou a súa dimisión para poder atender "a un sobriño", circunstancia que me levou a tomar esta decisión" tras "moitos anos como concelleiro" neste Concello ourensán. 

A pesar da súa curta etapa no cargo actual, asegurou que foi unha etapa "moi bonita e interesante" e recomenda dar este paso a todo o mundo ao que lle guste a política polo que significa "servir aos veciños deste Concello". 

López Casas asegura que a súa etapa como alcalde foi 'moi bonita e interesante'

"É algo que lle recomendo a calquera que teña ganas de facer política", comentou López Casas, quen subliñou a posibilidade de poder axudar en temas fundamentais como "é a iluminación" ou o "arranxo de estradas". 

López Casas, o veterano edil do PP, tomara posesión o pasado mes de abril, en substitución do anterior alcalde desa formación, Antonio Pérez, inhabilitado por prevaricación. 

Esta substitución produciuse despois de que o Xulgado do penal número 1 de Ourense inhabilitase a Pérez para exercer calquera emprego ou cargo público como autor dun delito continuado de prevaricación durante oito anos e medio por contratacións irregulares no Concello.

Comentarios