Alerta vermella na costa da Coruña e Lugo por temporal no mar

Ondada no porto de Rinlo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Ondada no porto de Rinlo, este mércores. JOSÉ Mª ÁLVEZ

As costas da Coruña e Lugo estarán este xoves en alerta vermella por temporal no mar tras rexistrar este mércores ondas de máis 8 metros de altura. Pola súa banda, o litoral de Pontevedra permanecerá en aviso laranxa. 

A Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo recordou que o fenómeno adverso costeiro comezou na tarde deste mércores. Precisamente, segundo os datos de Portos do Estado, ata o momento, producíronse ondas de máis de 8 metros nas zonas de Cabo Vilán e Estaca de Bares. 

Para a xornada do xoves, conforme sinalou a Xunta, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prognostica mar combinada do noroeste con ondas de oito a nove metros. 

Deste xeito, aínda que ata agora estaba vixente o aviso laranxa en todo o litoral, para o noroeste e oeste da Coruña e Lugo a alerta elévase a vermello. Pola súa banda, mantense en laranxa no suroeste da Coruña e Pontevedra.

Comentarios