Alertan do perigo de achegarse a ver o cadáver da balea varada en Oia

A zona é de difícil acceso ► O corpo do cetáceo non se pode retirar nin por terra, nin por mar, nin por aire

La ballena varada en Oia. CRTVG
photo_camera La ballena varada en Oia. CRTVG

O portavoz da Coordinadora para u Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Alfredo López, recomendou este venres non achegarse ao corpo en descomposición da balea varada en Oia desde o pasado 21 de decembro.

A zona, explicou nos micrófonos da Radio Galega, é "de difícil acceso", xa que as rocas nas que se poden apoiar os pés son moi pequenas e, ademais, están máis esvaradías pola graxa que solta o cadáver do cetáceo.

Desde o CEMMA tamén confirman a imposibilidade de retirar o corpo desta balea, que mide ao redor de 20 metros de longo e pesa unhas 30 toneladas. Xa Salvamento Marítimo descartou a opción de achegarse en barco, xa que falta calado e hai pedras na zona na que quedou varada. 

En helicóptero é imposible polo peso do mamífero e por terra tamén é inviable acceder cunha máquina capaz de movela. Por iso só queda esperar a que se descompoña de forma natural e a que a subida da marea axude nesta tarefa.

Esta non foi a única balea que apareceu nas costas pontevedresas nos últimos días de 2018: outro exemplar foi atopado tamén en Bueu.

Comentarios