Seis alumnos da USC reciben os premios Chemists for our Future

Estes galardóns, que promoven as biotecnolóxicas galegas AMSlab e Mestrelab en colaboración coa Universidade, buscan fomentar o talento entre as novas xeracións de químicos galegos

Os futuros químicos premiados cos Chemists for our Future, na USC. EP
photo_camera Os futuros químicos premiados cos Chemists for our Future, na USC. EP

Seis alumnos de Química da USC foron distinguidos este venres cun dos premios Chemists for our Future, que na súa II edición recoñecen de novo os mellores expedientes dos alumnos que empezan e acaban os seus estudos nesa facultade. Impulsados polas empresas biotecnolóxicas AMSlab, con sede en Lugo, e Mestrelab Research, situada en Santiago, devanditos galardóns contan con dúas categorías e tres premios por cada unha.

Na primeira delas, a de Inicio de Estudos de Grao de Química, o primeiro premio, que consiste en 2.000 euros, foi para Lara Troncoso Afonso, de Sanxenxo. Nesta mesma categoría, os dous accésits, dotados de mil euros cada un, foron para Ana Fernández Díaz, de Ourense e a Lara Domínguez Chantres, de Baleira.

Estes premios pretenden servir de "incentivo” para os mozos que elixen a Química como profesión de futuro

En canto ao segundo apartado, o de Fin de Estudos de Grao en Química, a máxima consideración —tamén merecedora  de 2.000 euros— recibiuna Noa Varela Domínguez, da Pobra do Caramiñal. E os accésits de mil euros cada un foron para Ricardo Rodiño Balboa, de Sanxenxo;  e para Daniel Marco Atanes, de Vigo.  

Os fundadores das dúas compañías que promoven a iniciativa, Manuel Lolo (AMSLab) e Carlos Cobas (Mestrelab Research) tamén cursaron os seus estudos na Facultade de Química de Compostela e con estes premios pretenden motivar os novos estudantes. A decana da Facultade de Química da USC, Pilar Bermejo Barreira, agradeceulles no acto a súa aposta por uns estudos cos que, ao seu xuízo, "pódese chegar lonxe". "A carreira de Química ofrece moitas saídas", engadiu.

Pola súa banda, Manuel Lolo asegurou que estes premios impulsados pola compañía lucense —socia de Bioga— e por Mestrelab pretenden recoñecer “o esforzo” e servir de "incentivo" para os mozos que elixen a Química como profesión de futuro.

Comentarios