Amigos do galego falecido en Filipinas negan que tivese vínculos co narcotráfico

"A Policía filipina leva moitas mortes sen xustificar alegando sempre o mesmo modus operandi", denuncian

Achegados do galego Diego Bello Lafuente, que morreu este mércores nunha operación da Policía de Filipinas na illa de Siargao, aseguran que non tiña ningún vínculo co mundo da droga. Reaccionan así para rexeitar a versión sobre o sucedido ofrecida polo corpo policial do país, que sinalou que faleceu nun tiroteo nunha operación antidroga e que portaba unha pistola

"Diego nunca na súa vida levou unha arma", subliña un amigo de Bello, Sergi Fabregat, quen lamenta que "está a aparecer como un narcotraficante cando nunca o foi". Explica, ademais, que o home, de 32 anos, empezara a montar "pequenos negocios" na illa e que lle ían ben, e que os seus achegados teñen a certeza "ao 100%" de que non estaba relacionado co tráfico de drogas.

A contorna do falecido móstrase moi crítico coa actuación da Policía filipina, e non só por este caso. "Leva moitas mortes sen xustificar alegando sempre o mesmo modus operandi, sempre o sospeitoso dispara primeiro…", din, á vez que denuncian que "pon pegas" para a entrega do corpo e que non se realiza ningunha autopsia". Segundo sinalan, ese exame revelaría se hai pólvora nas mans do galego. É dicir, se hai restos derivados de realizar o disparo que lle atribúen os axentes.

En canto á información divulgada pola Policía sobre os vínculos co narcotráfico, chaman a atención sobre que aluda a toneladas "que apareceron na illa" e se sinale a Diego como sospeitoso "por unha bolsa de 10 gramos e outra de 15 que non apareceu en ningún sitio". "É un abuso policial por non ceder ás súas extorsións", conclúen os seus achegados.

Así as cousas, esperan que "a morte de Diego non sexa en balde". "E nun futuro cidadáns libres e xustos non teñan que padecer a presión dunha policía corrupta que ve os turistas como unha fonte de ingresos".