Ana Pontón apela á 'rebeldía' e á 'forza' da mocidade para un cambio en 2024

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compareceu este venres nun acto de Galiza Nova
Ana Pontón en el acto de Galiza Nova. EFE
photo_camera Ana Pontón no acto de Galiza Nova. EFE
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou este venres nun acto de Galiza Nova -as mocidades da formación nacionalista- "á forza, a rebeldía, o entusiasmo e a ilusión" da mocidade á hora de facer posible un "cambio galego" en 2024.

Así o manifestou na tradicional homenaxe que cada ano fai Galiza Nova á figura de Rosalía de Castro e Castelao, no que destacou o "apoio masivo" da mocidade ao BNG nas eleccións do pasado 12 de xullo, tendo "un peso decisivo" no "resultado histórico".

A líder do BNG apuntou que, ademais de ser "motor dese resultado", a mocidade "vai ser a enerxía e a forza que nos faga imparables coa mirada posta en 2024", tendo en conta que "son tempos dun nacionalismo optimista e que mira con confianza ao futuro porque vai na boa dirección".

"Quero agradecer a vosa confianza e quero deixarvos claro o compromiso de que non vos imos a fallar nin a escatimar esforzos e talento para seguir sumando a máis xente nova para en 2024 facer posible o voso mandato: abrir un tempo novo en Galicia no que a mocidade deste país sexa protagonista", apuntou Pontón no acto, celebrado no parque de San Domingos de Bonaval, en Santiago.

Deste xeito, a líder nacionalista incidiu na "claridade" coa que a mocidade "expresou a súa confianza no BNG para empezar a construír unha Galicia na que vivir, na que traballar, na que divertirse, na que poder facer realidade as súas esperanzas e as súas metas", deixando atrás "un guión que lles reserva menos oportunidades que ás xeracións precedentes".

"Para construír Galicia necesitas á mocidade, a vosa folla de ruta, a vosa ambición, as vosas ganas, o voso talento e a vosa anticipación", proseguiu Pontón, quen recordou que o BNG contará con cinco dos deputados máis novos no Parlamento de Galicia, o que probaría o "papel protagonista" que atribúe á mocidade.

Xa dirixíndose en particular ás mocidades do partido, a portavoz nacionalista pediu a Galiza Nova "seguir sumando a máis xuventude a este proxecto", mentres que tamén prometeu "catro anos de traballo para demostrar aos mozos que o BNG está do seu lado para ofrecerlles un futuro cargado de esperanza no que non teñan que escoller entre precariedade ou emigración".

"Hai un ano pedíavos que sumásedes máis mocidade a Galiza Nova e ao BNG e hoxe estamos nun gran momento para facer posible esa suma, con xenerosidade e coa man tendida; sen renunciar aos nosos principios, porque sen eles non seriamos nada, pero con amplitude de miras e vocación inclusiva", proseguiu.

Pontón mostrouse convencida de que hai miles de mozos "dispostos a defender o seu futuro da man dun partido que está do seu lado nas aulas, nos centros de traballo, nos colectivos sociais, deportivos ou veciñais, e nas redes sociais", polo que o reto pasa por chegar a esa mocidade.

"Hai que explicarlles que o futuro o temos que construír desde aquí e que temos un proxecto moderno, aberto, plural, innovador, sostible e feminista", resolveu Pontón, quen ve entre osnovos "talento, capacidade, ilusión e ganas de avanzar", así como "ganas de vivir nunha Galicia de cores, de oportunidades e de dereitos".

Comentarios