Pontón avisa de que as denuncias non os van calar e pide investigar os "negocios escuros" da Casa Real

A Fiscalía da Audiencia Nacional arquivou as denuncias que se presentaron contra a portavoz do BNG
Ana Pontón. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu este venres de que ningunha denuncia vai conseguir silenciar e facer calar á formación e reiterou a súa petición de que se investiguen os "negocios escuros" e a suposta corrupción da Casa Real. 

A Fiscalía da Audiencia Nacional arquivou as denuncias que se presentaron contra o vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès (ERC); a líder de Adiante Andalucía, Teresa Rodríguez; e a propia Pontón por posibles inxurias á Coroa tras os seus respectivos comentarios ao coñecerse a marcha de España do Rei emérito. 

Tras coñecer a decisión "de novo a través dos medios de comunicación", Pontón lamentou "que se poida investigar a unha persoa por criticar á monarquía" nun momento no que existe un debate aberto nunha sociedade "escandalizada ao coñecer os negocios escuros" da Casa Real, como o suposto cobro de comisións derivadas de contratos de AVE en Arabia Saudita, entre outras. 

"O importante é que se xulguen eses feitos e que a Xustiza traballe para que ninguén, a pesar do seu apelido, poida estar por encima da lei", insistiu, para censurar que é "anacrónica" a "impunidade" coa que se cobre á coroa, do mesmo xeito que o feito de que a xefatura do Estado "vai pola vía hereditaria". 

Finalmente, Pontón asegurou que o BNG "seguirá defendendo con claridade e sen pelos na lingua o que está a pasar" para reclamar no Congreso unha investigación sobre estes casos que saltan á opinión pública. 

Comentarios