sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Ana Pontón pide unha "mobilización masiva" e concentrar "ansias de cambio real"

Ana Pontón. LAVANDEIRA JR (EFE)
Ana Pontón. LAVANDEIRA JR (EFE)
A candidata á Xunta presentou ao BNG como "a mellor alternativa para deixar atrás os once anos de retroceso e decadencia legados polo PPdeG"

A candidata á presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, chamou este venres en Moaña a unha "mobilización masiva" o 12-J e a concentrar "as ansias de cambio real" na formación nacionalista, "a mellor alternativa para deixar atrás os once anos de retroceso e decadencia legados polo PPdeG". 

"Hai que encher as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galicia un Goberno que se faga valer, liderado, por primeira na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista", sentenciou Pontón, quen sinalou que só hai dúas opcións sobre a mesa: "Ou o inmovilismo do PPdeG ou o cambio galego do BNG". 

Así o manifestou nun acto celebrado na Praza do Concello de Moaña, no que estivo acompañada pola cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e os dous integrantes da lista da comarca do Morrazo, Iria Villar e Pablo Ríos. 

"Moaña ou Bueu son dous exemplos de Gobernos municipais do BNG onde se mostra a súa capacidade para transformar en positivo a vida das persoas e de pór en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social", proseguiu Pontón. 

"O cambio galego é posible se todas as persoas que queremos construír unha nova Galicia expresamos esa vontade"

A candidata nacionalista preguntouse, en base ao "aval" disto Gobernos municipais, "que non podería facer o BNG polo país a partir do 12-J" á fronte da Xunta, á vez que destacou que a comarca do Morrazo "daría un paso de xigante cando teña un Goberno aliado na Xunta, que some en lugar de pór paus nas rodas". 

"O cambio galego é posible se todas as persoas que queremos construír unha nova Galicia expresamos esa vontade nas urnas collendo a papeleta do BNG; se é así, o 12 de xullo imos dar a badalada e amargarlle a noite electoral ao PPdeG", proseguiu. 

A líder nacionalista tamén emprazou ás persoas que non teñen decidido o seu voto a sumarse "á onda do cambio galego, que cada día vai a máis", apostando por un BNG "cun proxecto solvente e de futuro" que permitirá "deixar atrás a parálise e a submisión e abrir paso a unha Galicia gobernada desde si mesma e que non baixe a cabeza ante Madrid". 

Mentres tanto, Luís Bará apuntou que o voto ao BNG "ten un valor dobre", posto que servirá "para confinar na oposición ao PPdeG" e, ao mesmo tempo, "desterrar ao centralismo madrileño que afoga e paraliza". 

"Un Goberno aliado na Xunta permitiría á comarca desenvolver proxectos fundamentais para mellorar os servizos públicos"

A cabeza de lista por Pontevedra insistiu en que "hai partido" e "non está nada decidido", tendo en conta que "con que o PPdeG perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta" e as enquisas "sinalan que a maioría de galegos e galegas quere cambio". 

"Hai que deixar atrás a abstención e o pesimismo porque é posible un tempo novo; quedar en casa é como votar ao PP e non se pode perder ningún voto a favor do cambio galego", proseguiu. 

Así mesmo, Bará destacou o exemplo de Moaña e Bueu, os dous concellos da comarca nos que goberna o BNG, e incidiu, do mesmo xeito que Pontón, en que "un Goberno aliado na Xunta daríalles un trato xusto". 

"Un Goberno aliado na Xunta permitiría á comarca desenvolver proxectos fundamentais para mellorar os servizos públicos, as infraestruturas, as comunicacións e tamén o despregamento económico, apostando polo sector do mar, a industria e a posta en valor dos recursos naturais", concluíu. 

Ana Pontón pide unha "mobilización masiva" e concentrar "ansias de...
comentarios