Animalistas denuncian que un colexio de Novo Mesoiro estará xunto a un coto de caza

Libera e a Fundación Franz Weber xa reuniron máis de 52.000 firmas demandando a suspensión incondicional e inmediata do Tecor

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber denunciaron este martes que o colexio do barrio coruñés de Novo Mesoiro, cuxa construción comezou recentemente, estará situado a menos de cen metros dun coto de caza. "É surrealista que a Xunta ignore as peticións realizadas polo pleno do Concello da Coruña, que lle reclamou a suspensión desta zona de guerra ao redor de Novo Mesoiro", denunciou Libera a través dun comunicado.

Neste sentido, a asociación animalista afirmou que varios veciños advertiron da presenza de cazadores "paseando coas súas escopetas pola zona exterior do barrio ou disparando a poucos metros de casas e parques de xogos", mentres que o Executivo autonómico "tratou de despistar á cidadanía anunciado un cambio de usos do coto". "A zona de caza non se afastou, senón que se modificaron os criterios para usala como zona de adestramento de cans, polo que os cans explotados nestas batidas adestraríanse para cazar preto das vivendas e poderían entrar na zona urbana e provocar algún accidente de circulación ou con viandantes", advertiu Libera.

A asociación tamén denunciou que a Lei de Caza de Galicia, vixente desde 2013, reducise de 200 a 100 a franxa de seguridade de vivendas con respecto ás zonas en que se producen estas batidas. "Ata o momento recollemos máis de 52.000 firmas demandando a suspensión incondicional e inmediata do Tecor, a denominación que a Lei de Caza outorga aos coñecidos popularmente como cotos cinexéticos, outra estratagema para confundir á opinión pública con termos suxeridos polo propio lobby", concluíu Libera. 

Comentarios