Os animalistas reprochan a "continuada dilación" da Xunta nun menú escolar vexetal

Recordan que a súa proposta "está avalada por numerosas organizacións internacionais, profesionais e por estudos científicos independentes"

Comida sana, frutas, verduras. EP
photo_camera Froitas, verduras e lácteos. EP

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, organizacións que promoven unha campaña por un menú escolar 100% vexetal opcional, denunciaron este mércores a "continuada dilación" por parte da Consellería de Educación das "pescudas iniciadas polo Defensor do Pobo a instancia de ambos os ONG, ao comunicar esta institución que aínda non recibiu o informe demandado".

Os colectivos animalistas que impulsan a campaña anunciaron, ademais, a adhesión da Unión Vexetariana Española, unha plataforma que defende os intereses de decenas de miles de persoas en todo o Estado, e recordan que a súa proposta "está avalada por numerosas organizacións internacionais, profesionais e por estudos científicos independentes".

Así, os defensores dos animais sinalan que esta posibilidade de elixir menú con produtos de orixe vexetal "é legal e recoñecida en países como Portugal e Chile". Engaden que "está a ser debatida en Arxentina" e "en Euskadi facúltase aos pais a escoller un menú destas características elaborado por nutricionistas".

FFW e LIBERA! explican que tampouco recibiron resposta ningunha do departamento que dirixe Carmen Pomar á carta aberta que remitiron as entidades que se sumaron a esta iniciativa, e recordan que "o menú 100% vexetal é opcional", e, xa que logo, sosteñen, "garante a liberdade dunha alimentación saudable en base a posicionamentos políticos e éticos, algo que agora non sucede con persoas vexetarianas e veganas".

Os animalistas avanzan que, en caso de seguir sen resposta, impulsarán "novas accións para presionar á Xunta", entre as que non descartan a publicación dunha recollida de firmas na plataforma Change.org.

As organizacións promotoras salientan que esta posibilidade nos comedores escolares "pode favorecerse con ingredientes de quilómetro cero", é dicir, "apostando polos produtores e agricultores locais, impulsando a economía das zonas e reforzando o sector primario da comunidade", conclúen.

Comentarios