Oito anos de cárcere para un acusado de abusar sexualmente dunha menor en Vigo

O TSXG confirma a condena ao considerar crible o relato da vítima e dar por probada "sen indicio de dúbida" a penetración vaxinal
Sede del TSXG. ARCHIVO
photo_camera Sede do TSXG. ARQUIVO

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de oito anos de cárcere que a Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo a un acusado de abusar sexualmente dunha menor. Os feitos ocorreron o 2 de agosto de 2016, data en que o acusado levou a unha moza de 15 anos a un coñecido hotel de Vigo e alí mantivo con ela relacións sexuais, circunstancia que considerou probada a Sección 5 da Audiencia Provincial na sentenza ditada o pasado de 12 de xuño e que o acusado apelou.

Na súa sentenza, os maxistrados do TSXG sosteñen que quedou descartado "calquera indicio de dúbida acerca da penetración vaxinal". O relato da menor, sostén o alto tribunal, é "crible, á luz dos numerosos detalles que achega, persistente desde a súa primeira declaración e orfo por completo de ánimo espurio, pois tanto narra o que prexudica como o que favorece ao acusado ao recoñecer que non a forzou a facer nada".

O Superior considera acreditado que o condenado sabía que a vítima, á que coñecía "desde como mínimo o ano 2015", tiña menos de 16 anos, e indica que a irmá da vítima, nun testemuño crible, declarou que facilitara ao acusado o DNI da menor. Ademais, destaca que o investigado, no seu recurso, pretende "elaborar un relato histórico que recolla o seu particular e parcial versión de determinados feitos" e recorda que o recurso de apelación é "máis un xuízo sobre o xuízo que non un novo xuízo do xuízo".