Seis anos de prisión por maltratar e intentar cortar as orellas á súa esposa

A agresión tivo lugar en agosto de 2018

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a seis anos e oito meses de cárcere a un home por atacar á súa esposa cun coitelo coa intención de cortarlle as orellas, ademais de maltratala física e psíquicamente. O individuo, que estaba en trámite de divorcio coa súa esposa, foi tamén condenado, ademais de por lesións, por malos tratos psíquicos habituais. 

Segundo o fallo xudicial facilitado por fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados consideran acreditado que o 9 de agosto de 2018 abordou á súa muller na porta da cociña na que traballaba xunto á súa esposa, da que estaba separado desde meses atrás. Tras pechar a porta da cociña, preguntoulle se tiña algunha relación con outro home e, acto seguido, pegoulle unha forte puñada na cara. 

Despois, cando a vítima se atopaba no chan, atacouna cun coitelo mentres lle dicía que lle ía a cortar as orellas e a muller, ao tratar de protexerse cos brazos, sufriu varios cortes, segundo a sentenza.

O acusado só cesou na súa agresión no momento en que interveu unha compañeira de traballo. 

No fallo, os maxistrados consideran que o esposo "non buscaba a morte" senón que "pretendía comprometer a súa integridade física dun modo importante, pero non acabando coa súa vida". O home, que podería culminar o seu propósito homicida", segundo advirte a sentenza, "sempre dirixiu o coitelo cara ás orellas da súa vítima, non cara a outras partes ou órganos vitais". 

O agresor creou "unha contorna de malos tratos psíquicos constante" cara á súa esposa "á que insultaba, humillaba e ameazaba", polo que o tribunal condenou esa actitude machista cualificándoa de delito de malos tratos psíquicos habituais.