As Anpas galegas piden prorrogar a vixencia dos libros de texto

Tamén solicitan á Xunta recuperar o sistema de préstamo universal
Libros de texto. ARQHIVO
photo_camera Libros de texto. ARQHIVO

A Confederación de Anpas Galegas, en representación das familias dos centros escolares públicos da comunidade, solicita á Xunta prorrogar a vixencia do sistema de libros de texto en todo o sistema educativo, "cando menos ata a normalización" da situación curricular e normativa.

Nunha carta remitida á Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional, Anpas Galegas solicita ademais a recuperación do sistema de préstamo universal de libros de texto no que se inclúa todo o material adaptado preciso para o alumnado de necesidades específicas de apoio educativo.

A citada asociación de proxenitores de alumnos considera que esta sería "un excelente xeito de aproveitar o actual contexto económico" provocado pola pandemia do coronavirus "para traballar por un sistema educativo onde prevalezan os criterios de equidade e igualdade".

Esgrime que o eventual cambio dos libros de texto de terceiro e quinto de primaria do curso 2020-2021 implicaría "un gasto difícil de asumir" por parte das familias, máxime cando "moitas" viron empeorar a súa situación económica "de forma repentina" durante o estado de alarma.

Ademais, apunta que ante a previsión dunha adaptación dos currículos do próximo curso para compensar a situación excepcional actual, os novos libros non se adaptarían ás modificacións provisionais que se fagan.

Comentarios