Anulan un concurso do Concello da Coruña por discriminación "positiva" ao colectivo LGTBQI

O goberno local apela á "boa intención" e anuncia que iniciará un novo procedemento de contratación

No despacho do rexedor Xulio Ferreiro en María Pita poden verse numerosas fotografías coa familia e os compañeiros. MONCHO FUENTES (AGN)
photo_camera Xulio Ferreiro. MONCHO FONTES (AGN)

O goberno local apelou á "boa intención" para xustificar que o concurso promovido para contratar o Espazo Diverso incluíse a "discriminación positiva" do colectivo LGTBQI na contratación de acordo coas cláusulas de adxudicación para prestar este servizo. 

Ademais, anunciou que iniciará un proceso de contratación por trámite de urxencia despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anule, o concurso, destinado a crear un espazo municipal para as diversidades sexuais e identidades de xénero. 

O tribunal adoptou a decisión tras un recurso da Asociación Galega para a Saúde Sexual, unha das entidades que optaba ao concurso, segundo confirmaron a Europa Press fontes municipais. 

O Concello está en trámites para axustarse ao tribunal, explicaron fontes municipais

No seu recurso, alegaba que non hai un marco legal que apoie a "discriminación positiva" por orientación sexual na contratación de persoas LGTBQI por parte da adxudicataria deste servizo.

"BOA INTENCIÓN". "O Concello está en trámites para axustarse ao tribunal", explicaron fontes municipais. Así, sinalaron que agora se iniciará un proceso de contratación pola vía de urxencia "para ofrecer un servizo integral ao colectivo LGTBQI desde o Espazo Diverso". Tamén insistiron na vontade de adxudicar "canto antes" un servizo promovido pola Concellería de Igualdade. 

Preguntada pola decisión do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, coincidindo coa rolda de prensa que ofreceu para informar da posta en marcha do Consello Local de Saúde, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, manifestou que se intentou facer con toda a boa intención esa discriminación positiva". 

"Respondéronnos que non cabe porque non ten marco xurídico e non pasa nada", engadiu, restándolle importancia á decisión e subliñando que o concurso con ese criterio "estaba a realizarse coa mellor das intencións". 

Comentarios