Anuncian unha folga no sector das ambulancias ao romper a negociación do convenio

A CIG asegura que a proposta da patronal contempla unha redución salarial e dos días de asuntos propios

Representantes dos PACs en Pé de Guerra participaron en Vigo nunha mobilización que reclamaba melloras no sector das ambulancias. TWITTER
photo_camera Manifestación celebrada o pasado outubro en Vigo para reclamar melloras no sector das ambulancias. TWITTER (@galizaCIG)

A central sindical CIG anunciou este luns nun comunicado a inminente convocatoria de folga no sector de ambulancias tras romper a negociación do convenio colectivo.

Representantes do sector de Transportes da FGAMT-CIG e delegados do sector de ambulancias da área sanitaria de Santiago compareceron este luns en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de folga despois de que "a patronal rompese (o pasado venres) a negociación ao retomar a proposta de rebaixa do convenio dun 10%".

Xesús Pastoriza, responsable do sector de transportes da CIG, explicou que o convenio leva caducado tres anos e que se acordou "retomar as reunións pondo o contador a cero". Segundo sinala, a proposta da patronal contempla unha redución salarial do 6-7% dos salarios ademais eliminar os complementos por incapacidade temporal, reducir días de asuntos propios, crear tres escalas salariais, "á baixa", e "recortar" en lavado de roupa e uniformes.

As reivindicacións dos traballadores baséanse en tres aspectos: incremento salarial pola vía, entre outros, "do recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra", reducir o número de horas, "que se ampliaron nestes últimos anos ao aumentar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal" e, en materia de saúde laboral, abordar o elevado número de baixas médicas.

Pastoriza responsabilizou desta situación á Xunta, "primeiro —sostén— por sacar contratos por baixo de custo e despois por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas". Ademais responsabilizou ao Goberno galego de permitir que as ambulancias circulen en malas condicións e cun equipamento precario. 

Comentarios