Detectado un brote de Covid na Mariña con oito casos dunha mesma familia

Ningún afectado tivo que ser hospitalizado
Hospital da Mariña, en Burela.JMª ÁLVEZ
photo_camera Hospital dá Mariña, en Burela.JMª ÁLVEZ

Un novo brote de coronavirus foi detectado este mércores na Mariña con oito casos. Todos con síntomas leves, forman parte da mesma familia. Parte dela compartiu este mes unha comida, que é onde se cre que se produciron a maioría dos contaxios. "Trátase, pois, dun brote familiar de infección por covid-19", explica a Consellería de Sanidade nun comunicado.

O núcleo familiar é de Xove. Xa se iniciou o rastrexo e estanse facendo decenas de PCRs a máis familiares e contactos desas persoas infectadas, que viven en varios concellos mariñáns. "Desde o momento no que o Sergas detectou o primeiro positivo do foco identificado activouse o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo", matiza o Sergas.

Ata o momento hai catro negativos e 25 persoas máis pendentes de resultado. Nestes momentos, dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, excepto dúas que presentan sintomatoloxía de carácter leve. Todos teñen o deber de gardar corentena durante 14 días.

Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola plataforma de vixilancia epidemiolóxica e os servizos de medicina preventiva e saúde pública do Sergas. Ningún afectado tivo que ser hospitalizado. 

A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense investigando posibles contactos. Desde o Sergas lémbrase á cidadanía a necesidade de continuar coas medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social. 

Comentarios