Aparece un cachorro nunha bolsa de plástico xunto a excrementos en Poio

O animal tiña apenas unhas horas de vida cando foi atopado

Perro abandonado en Poio. DP
photo_camera Can abandonado en Poio. DP

Nun colector e nunha bolsa de plástico pechada e chea de excrementos. Así se atopou ao cachorro da imaxe, de apenas unhas horas de vida na zona de Casalvito, en Poio, onde a Canceira municipal e a Policía Local solicitan a colaboración cidadá para buscar ao ou aos autores deste acto de malos tratos animais.

Os responsables da Canceira aplicaron os tratamentos necesarios ao cachorro para lograr a súa supervivencia, algo que, á vista das condicións nas que foi achado parecíalles case imposible. Agora, tres días despois do achado e tras recibir calor con lámpadas de infravermellos e atopar unha nai de adopción que lle dá de mamar ao cachorro, decidiron difundir as imaxes, pero cunha mensaxe distinta esta vez. Piden á cidadanía que abandone os insultos e a condena ao autor e que "acheguen calquera dato, por parvo que pareza, que se cadra poida levar a algo, para que o personaxe que fixo isto teña o seu castigo".

As persoas que crean que poden achegar datos que axuden a esclarecer a autoría destes feitos, poden porse en contacto coa asociación a través do seu perfil de Facebook ou coa Policía Local, cuxa sede está na Rúa Rosalía de Castro, fronte ao Casal de Ferreirós.

Precisamente, a Policía explicou a principios de mes que a loita contra a taxa de abandono de cans e os malos tratos animais centrarán o seu traballo en materia de benestar animal en 2019. Non en balde, a Policía tramitou  51 denuncias e xestionou 200 abandonos o ano pasado. Cada abandono supón que o animal debe pasar polo veterinario e posteriormente acudir á canceira para a súa readopción. Ademais do custo que isto implica e do sufrimento do animal a Policía lembra que os cans soltos implican riscos como os atropelos ou accidentes de tráfico.

Con este caso, Poio protagoniza dous episodios de malos tratos animais e crueldade nunha soa semana, despois de que a asociación Cadeliños denunciase a morte de dous gatos da colonia de Camiño Lubiáns, en Campelo, polo uso dalgún veleno. Cadeliños, que advertira ao Concello da presenza deste grupo de gatos rueiros, demanda medidas dos concellos para o control dos exemplares felinos abandonados.