Unha aplicación móbil permitirá ter información do viñedo en tempo real

Esta acción enmárcase dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria

Viñedo en Rías Baixas. DP
photo_camera Viñedo en Rías Baixas. DP

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o proxecto piloto AppFitoVit, que consiste no desenvolvemento dunha aplicación para telefonía móbil que dará servizo de información fitosanitaria para o viñedo a tempo real.

Esta acción enmárcase dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader, informou a Xunta nun comunicado. 

Este proxecto piloto foi presentado este martes pola mañá durante a xornada técnica Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia, de forma que se poidan predicir episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas derivadas de tales fenómenos.

A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé finalizar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre os técnicos correspondentes ás entidades colaboradoras co obxecto de deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil.

Nunha segunda fase, comprobarase a validez dos datos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna e, na última fase do proxecto, e unha vez validado o funcionamento da aplicación, pasará a ser pública e aberta ao sector de forma gratuíta.

Comentarios