Aprazado o xuízo a tres funcionarios de Teixeiro por propinar unha malleira a un recluso

A Fiscalía pide catro anos e tres meses de cárcere
Cárcel de Teixeiro. AEP
photo_camera Cárcere de Teixeiro. AEP

A primeira sesión do xuízo no que se xulga a tres funcionarios do centro penal de Teixeiro sospeitosos de agredir a un interno, que se ía a celebrar este mércores, quedou suspendida por un problema coa citación ao Avogado do Estado e celebrarase o xoves.

A Audiencia Provincial da Coruña xulgará por lesións aos tres funcionarios para os que a Fiscalía pide catro anos e tres meses de cárcere, así como a obrigación de indemnizar ao presidiario con 5.500 euros.

Tamén se xulgará ao interno, sospeitoso de golpear a un dos funcionarios, para quen a acusación reclama tres anos de cárcere por un delito de atentado e lesións co agravante de reincidencia.

O xuízo, que se ía a celebrar en dúas sesións finalmente intentarase realizar nunha, este xoves ás 10.00 horas na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña.

Os feitos ocorreron no mes de maio do 2012 cando, segundo a Fiscalía, un interno protagonizou un incidente no comedor e "nun estado agresivo e actuando con evidente desprestixio do principio de autoridade" comezou a bracear e a lanzar patadas provocándolle unha fractura na man a un dos funcionarios que o intentaban "tranquilizar".

Tres funcionarios, segundo o escrito da Fiscalía, apartaron ao interno a un despacho, onde supostamente "propináronlle puñadas e patadas no abdome" ocasionándolle numerosas contusións, polo que tivo que pasar por quirófano.