Arde o motor dun camión que transportaba 26.500 litros de fuel

O propio condutor apagou o lume e puido continuar a marcha

Un camión que transportaba mercadoría perigosa, en concreto 26.500 litros de fuel, puido continuar a marcha despois de declararse un incendio no seu motor que foi extinguido polo propio condutor. Ocorreu na AP-9, ao seu paso pola localidade coruñesa de Teo, concretamente no punto quilométrico 77, sentido Pontevedra. 

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, foi o propio condutor do camión quen sufocou as lapas co emprego de varios extintores. A carga non se viu afectada nin verteu da mesma. 

O 112 Galicia tivo constancia do incendio ás 14,15 horas, a través da alerta do camioneiro. O persoal do centro de emerxencias deu o aviso ao GES da Estrada e de Padrón, á Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e aos Bombeiros de Santiago, Boiro e Ordes.