A área de Pontevedra e O Salnés usará intelixencia artificial para diagnosticar hepatite C e VIH

O novo programa asistencial porase en marcha a finais deste mes nos centros de atención primaria

Os centros de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés porán en marcha a finais de abril un novo programa asistencial do Servizo Galego de Saúde para incrementar o diagnóstico e o tratamento de casos de infección oculta por Hepatite C ou VIH na poboación xeral, apoiándose en ferramentas de intelixencia artificial. 

Este programa piloto, denominado Focus Galicia, é pioneiro a nivel autonómico e en España unicamente estase levando a cabo en Cantabria. Trátase dun sistema automatizado que actuará sobre a historia clínica electrónica, identificando a pacientes que, segundo criterio de idade, non dispoñan dunha analítica previa para VIH ou Hepatite C. 

Este sistema advertirá en tempo real ao persoal facultativo que estea a atender ao enfermo nunha consulta médica xa prevista no ámbito de Atención Primaria, facilitando así a realización da correspondente analítica. O programa complétase coa implantación dunha vía clínica que garantirá un seguimento dos casos positivos para ofrecerlles unha rápida valoración e tratamento co especialista. 

A mortalidade desta enfermidade foi reducida nun 50% en tan só tres anos

Estímase que no primeiro ano de funcionamento chegaranse a diagnosticar 212 novos casos de Hepatites C e 54 de VIH en Pontevedra e O Salnés que, doutra forma, non poderían ser identificados. Esta iniciativa foi presentada este venres polo xefe de servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Juan Turnes Vázquez, acompañado do xefe de servizo do centro de saúde da Parda, Manuel Prieto; do facultativo de Atención Primaria da PAC de Cambados Santiago Pérez Cachafeiro, e do presidente da Asociación Galega de trasplantados 'Airiños' e integrante do Comité de pacientes do Sergas, Abelardo Sánchez Sanjurjo.

UN 98% DE CURACIÓN. Nos últimos 4 anos, desde a aprobación do Plan Estratéxico Nacional para o tratamento da Hepatite C, foron tratados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés máis de 850 pacientes, dos cales máis do 98% foron curados. Así mesmo, fai falta destacar que a mortalidade desta enfermidade foi reducida nun 50% en tan só tres anos. 

A pesar destas cifras, estímase que aínda existen preto de 800 persoas afectadas por esta enfermidade, a maioría das cales descoñecen que a padecen. Algo semellante ocorre cos casos de VIH, pois aínda que non se logra eliminar o virus, os profesionais dispoñen de tratamentos que, aplicados de xeito precoz, permiten controlar a enfermidade e evitar a transmisión do virus na poboación. 

Comentarios