A área única de transporte e eliminar os puntos negros, prioridades de Infraestruturas para 2019

Xunta e municipios perfilan a futura lei de abastecemento e un instrumento para unha tarifa homoxénea da auga 

Ethel Vázquez durante su intervención en el pleno del Parlamento de Galicia. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Ethel Vázquez. LAVANDEIRA JR (EFE)

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade márcase como prioridades para 2019 impulsar unha área única de transporte para toda Galicia coa que estender as bonificacións no uso de cartóns de viaxe metropolitana, así como eliminar puntos negros de accidentes en estradas —para o que destinará un 29% máis de fondos ata case oito millóns—, avanzar nunha tarifa homoxénea da auga e culminar o saneamento das rías. 

Diso informou este venres en comisión parlamentaria a conselleira de Infraestruturas e Moblidade, Ethel Vázquez, que presentou unhas contas que soben un 2%, por baixo da media de incremento dos orzamentos galegos, ata 440 millóns. 

Respecto diso, Ethel Vázquez subliñou que tras o anuncio no Debate do Estado da Autonomía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desta área única de transporte, buscarase o seu impulso para "estender os beneficios a toda Galicia". 

Apunta que xa hai adheridos 65 concellos ao plan metropolitano, mentres 25 máis mostraron o seu interese para incorporarse. Neste sentido, a conselleira explica que hai preto de 280.000 cartóns, con máis de 46.000 mozos. Hai descontos do 15% para usuarios habituais, mentres os menores de 19 anos viaxan gratis.

AUGA. Unha das cuestións novas nas contas deste ano é que Augas de Galicia pasa a depender deste departamento, o que supón un "antes e un despois", explica a conselleira, xa que leva o 20% dos fondos. 

A Xunta perfila cos concellos o borrador da lei de medidas de abastecemento en períodos de seca, un instrumento de axuda a municipios para evitar perdas, á vez que se aproveiten os usos de augas residuais para baldeos e a industria. 

Ademais, avánzase na creación dun instrumento que garanta unha tarifa homoxénea coa que todos os concellos paguen o mesmo polos mesmo servizos do ciclo integral da auga. 

A Xunta márcase o obxectivo de culminar o saneamento das rías, con 25 millóns para redes de depuración en municipios como Rianxo e Ferrol.

MÁIS PARTIDAS. Entre outras partidas, hai 30 millóns para as estacións intermodais. En Santiago e Ourense están en obras, mentres comezarán en Vigo e Pontevedra —con previsión de avanzar esta lexislatura nas da Coruña, Lugo e Ferrol—.

A autovía do Morrazo completarase antes de verán, mentres se achegan 7,8 millóns para a conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao e avanzarase na conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria,entre outras actuacións. 

Ademais, completaranse os 170 quilómetros do plan de sendas —con 100 xa en servizo ou execución—. Tamén haberá un millón de euros para o plan de marquesiñas. 

Para seguridade viaria outórganse 75 millóns, mentres que para a integración paisaxística dos Camiños de Santiago resérvanse cinco millóns de face ao Xacobeo 2021.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN. En contraposición, Marcos Cal (En Marea) censurou que estes orzamentos son "escasos", de maneira que defende que "debería haber maior suficiencia orzamentaria" para Infraestruturas, pois considera que están "mal dirixidos" e son "pouco cribles". 

Nesta liña, Luis Álvarez (PSdeG) tachou os orzamentos de Infraestruturas de vaporosos "e nebulosos", cunha "inconcreción importante entre o que se di na memoria dos obxectivos" e as propias contas. 

Luís Bará (BNG) referiuse a que esta consellería "perde peso relativo" nos orzamentos galegos, cun incremento inferior á media. Ademais, apuntou " degradación e mutilación" do departamento coa perda das competencias en vivenda, que identifica cun "fracaso evidente" nesta área. AP-9 

A última subida de peaxes na autoestrada AP-9, dun dous por cento, aprobada este venres en Consello de Ministros, tamén estivo presente no debate.  A conselleira de Infraestruturas —quen previamente xa abordara esta cuestión nunhas declaracións en Vigo— queixouse de como "cambiou o conto en tan poucos meses" respecto da postura do PSOE sobre a subida de peaxes. "é unha deslealdade do Ministerio de Fomento que nos decatemos non de forma oficial, senón polos medios de comunicación", censurou. 

Comentarios