O arquivo da Cidade da Cultura recibe documentos históricos do Pazo de Pardiñas

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu a "xenerosidade" da familia López López pola súa achega e anunciou a creación da plataforma Galiciana, un proxecto que facilitará medios para  "depositar a memoria cultural doutras familias de xeito dixital"

Archivo histórico en la Cidade da Cultura. CIDADEDACULTURA.GAL
photo_camera Arquivo histórico na Cidade da Cultura. CIDADEDACULTURA.GAL

O Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, incorporou este mércores a doazón dos fondos documentais da familia López López, propietaria do Pazo de Pardiñas, en Lalín. O material facilitado consta de 12 caixas de documentos entre os que destacan árbores xenealóxicos e taxacións de leiras.

Durante o acto de cesión desta doazón, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradeceu a "xenerosidade" e "altura de miras" da familia, e explicou que "a súa decisión permite que este legado arquivístico inédito estea, de hoxe en adiante, a disposición do conxunto dos galegos", especialmente dos investigadores. 

Deste xeito, fixo tamén un chamamento a que esta conduta "exemplar e exemplarizante" consiga "novos adeptos para seguir, entre todos, engrandeciendo o Arquivo de Galicia e facendo país". Así, recordou que nestes momentos o repositorio está conformado por 163.840 caixas que ocupan unha superficie de 18.857,89 metros –a doazón dos López López supón 1,5 metros lineais–, dos cales, as achegas privadas representan aproximadamente o 1%. 

Así mesmo, o conselleiro de Cultura resaltou que esta cesión "ten un valor importante", porque "é a primeira doazón de documentación que se fai desde un pazo ao Arquivo". En concreto, puntualizou que os documentos "incumben a moitos anos de historia cultural e social", desde o século XVI ata "practicamente hoxe en día". 

"Se queremos coñecer o que fomos para saber o que somos e mirar cara adiante, hai que coñecer o noso pasado, que está nos arquivos, na documentación histórica e, cada vez máis, na documentación vinculada ao mundo dixital", aseverou Rodríguez. 

No acto tamén participaron o representante da familia donadora, Roberto López López, que agradeceu "o esforzo" da Xunta por ordenar "o arquivo" dos seus antepasados; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a subdirectora xeral de Arquivos, Mariña García Pita.

PLATAFORMA GALICIANA. Por outra banda, en referencia á documentación dixital, Román Rodríguez apuntou que a Consellería de Cultura pon en marcha un "proxecto moi interesante" para "depositar a memoria cultural doutras familias de xeito dixital, facilitando os medios para facelo". A iniciativa conta cun orzamento de 800.000 euros.

Así, indicou que se posibilitará que familias e organismos que teñan documentación para dixitalizar" poidan introducila posteriormente na web, a través da plataforma dixital Galiciana (www.galiciana.gal), posta en marcha o pasado mes de decembro no marco do programa Memoria dixital de Galicia

Ademais, o conselleiro sinalou " consolidación dun arquivo con dous alicerces": un documental físico, "no soto da Cidade da Cultura"; e outro a través de Galiciana, "a memoria dixital de Galicia, como repositorio de documentación para as familias que non queiran desprenderse emocionalmente da documentación, pero si queiran colgala na rede para que sexa accesible para todos".

Por iso, insistiu en que o Arquivo de Galicia "está a cumprir unha misión importante como gardián da memoria documental da Comunidade galega".

CINCO SÉCULOS DE HISTORIA. En concreto, tal e como informou a Xunta, o arquivo do Pazo de Pardiñas atesoura material que dá testemuña de cinco séculos de historia, "determinantes para a comarca do Deza, pero tamén para o conxunto de Galicia". Este legado "permite achegarse á historia socioeconómica da Comunidade na época moderna e contemporánea" e "achega información para coñecer a evolución do patrimonio da familia". 

Así, os documentos foron producidos polos diferentes membros da familia desde a orixe do pazo, no século XVI. En xeral, segundo asegurou o Executivo autonómico, presentan un "bo estado de conservación" e "están relacionados coa adquisición e administración de propiedades" –testamentos, árbores xenealóxicos, escrituras de compravenda e de doazón e memorias de bens–, tanto nas comarcas do Deza e Trasdeza como nas terras do Ribeiro.

EQUIVOCACIÓN DA XUNTA. Durante o acto, tanto a subdirectora xeral do Arquivo como o propio conselleiro de Cultura denominaron ao pazo do que procedían os fondos doados como Pazo de Golmar, nome que tamén figuraba na etiqueta de clasificación dos documentos, polo que se deberá rectificar a súa denominación. 

Con todo, o propietario da doazón, Roberto López López, puntualizou que o Pazo de Golmar, aínda que tamén situado no municipio de Lalín, "non ten nada que ver" coa súa familia.

Este pazo, situado na parroquia de Santa María de Noceda, foi fundado no século XVI por Gonzalo Taboada e Ulloa, na granxa recibida pola herdanza do seu pai, Alonso Núñez de Taboada, señor de Bendoiro de Abaixo, á que foi incrementando diversas adquisicións ao longo da súa vida. 

Por iso, Roberto López indicou que, a pesar de que nalgúns documentos cedidos aparece o nome de Pazo de Golmar, os fondos atopábanse situados no Pazo de Pardiñas. 

Comentarios